Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 2 Últimos días para inscribirse en Postos na Feira do Mercado Social: ata o 25 de novembro

Concello

O PP pide retirar o PEPOCH e sostén que inclúe textos dunha IA

O Grupo Municipal do PP de Betanzos presentou este luns alegacións contra a aprobación inicial do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico. Pide retiralo, corrixilo e incorporar os informes sectoriais antes de volver aprobalo e sometelo de novo a exposición pública.

Redacción · Edición: Álvaro García Torres · · 3 min

Compartir esta noticia

Páxina do PEPOCH de Betanzos con cabeceira «Memoria xustificativa-Parte II» e un parágrafo en castelán sinalado nun recadro azul sobre o apartado de análise dos valores paisaxísticos
Foto: PP de Betanzos

O PP de Betanzos rexistrou este luns un escrito de alegacións contra a aprobación inicial do PEPOCH, o plan especial do casco histórico. A voceira popular, Ceci Vázquez, lembra que o documento afecta, segundo os seus datos, a máis de 2.100 inmobles, a arredor de 2.000 veciños e veciñas e a centos de negocios, e que leva consigo a suspensión de licenzas durante dous anos.

Textos de IA e varias linguas no documento

O escrito do PP sinala que a memoria xustificativa contén un parágrafo en castelán que o partido identifica como a resposta literal dun asistente conversacional de intelixencia artificial. Comeza así: «Perfecto. Entonces conviene simplificar y ajustar la terminología…». O PP achegou unha captura da páxina.

Segundo as alegacións, o anexo de paisaxe mestura galego, castelán e portugués, e o documento ten erratas e referencias cruzadas rotas. Vázquez fala do «dubidoso rigor dun documento que non se revisou debidamente».

Normativa e informes

O PP sostén que hai tres versións «incompatibles» das ordenanzas zonais e que o plan se apoia nalgúns casos en normas derrogadas e no Plan Xeral de Ordenación Municipal, que non está aprobado definitivamente. Tamén bota en falta no expediente os informes de Costas, Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Informe Ambiental Estratéxico e unha regulación da inundabilidade dalgunhas zonas.

O estudo económico

Para a voceira, o estudo económico e a memoria de viabilidade «non son fiables nin acreditan a viabilidade económico-financeira do plan». O escrito enumera sete cifras distintas de investimento total, que van de 2.014.574,72 a 4.288.807 euros. En setembro, BetanzosHoxe contou que o plan prevé 2,25 millóns en vinte anos.

Segundo o PP, os custos de construción e urbanización calcúlanse a partir dunha orde de 2014 de módulos de valoración de solo rústico, multiplicados por un coeficiente de 1,50, e o investimento en mobilidade sostible e en rehabilitación é de cero euros. As alegacións engaden que a proxección orzamentaria da propia memoria de viabilidade dá un resultado acumulado negativo de 72.466.795 euros entre 2027 e 2046, e que o 46,6 % do financiamento depende de subvencións doutras administracións sen compromiso achegado.

Veciñanza, usos e hostalaría

O PP cualifica de «insuficiente» a información previa á veciñanza e de «mínima» a participación social. Vázquez sostén que os propietarios afectados por expropiacións «teñen dereito a coñecer que se lles vai expropiar, cando e por que valor».

A voceira considera que a entrada en vigor do plan sería «perniciosa» para moitos sectores do casco histórico: «este plan non regula as vivendas de uso turístico, prexudica a negocios existentes, non dedica nin un só euro a investimentos en mobilidade sostible e rehabilitación e obriga ao sector da hostalaría a homoxeneizar a imaxe dos rótulos, toldos e terrazas conforme a un Manual de marca Betanzos que non figura no expediente».

Que pide o PP

Ademais da retirada do plan, o partido propón que, antes dunha nova aprobación inicial, se fagan sesións informativas abertas por barrios e sectores cos datos corrixidos e actualizados, e que se cree unha comisión de seguimento do PEPOCH con todos os grupos municipais e con colectivos veciñais e empresariais.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.