O BNG pide transporte público regular entre as parroquias e a vila
Os nacionalistas levarán ao pleno unha batería de medidas para o rural de Betanzos: unha liña de transporte regular coa vila, atención ás persoas maiores, un censo de vivendas desocupadas e locais sociais abertos a diario.
O BNG de Betanzos presentará no pleno unha iniciativa cunha batería de medidas para mellorar os servizos que reciben as veciñas e os veciños dos núcleos rurais. Segundo a formación, nos últimos anos vén medrando o desequilibrio entre o centro da vila e as parroquias en investimento, mantemento de infraestruturas, acceso aos servizos públicos e vida social, e a veciñanza do rural debe ter os mesmos dereitos e oportunidades que a do centro.
Seguranza viaria e transporte
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía, Antón Tenreiro, sinala carencias importantes de seguranza viaria nas parroquias: «Moitos camiños e estradas locais carecen de espazos axeitados para o tránsito peonil ou ciclista, o que dificulta os desprazamentos cotiáns da veciñanza e limita a convivencia segura entre vehículos a motor e persoas, especialmente naquelas zonas con grande tránsito de camións».
A iso súmase, segundo Tenreiro, a falta dun transporte público regular que conecte os núcleos rurais co centro de Betanzos. O BNG lembra que leva anos pedindo unha liña de periodicidade fixa e accesible para todas as idades, tamén para a mocidade, para ir ao centro de saúde, facer trámites, acudir a actividades extraescolares ou facer a compra sen depender do coche.
Maiores, vivenda e locais sociais
O partido pide tamén reforzar os servizos de información e atención ás persoas maiores e achegalos ás zonas máis afastadas do centro, con programas de apoio para o mantemento das vivendas e das hortas ou servizos de lavandaría.
Para frear a perda de habitantes e atraer novas familias ás parroquias, o BNG quere que o Concello interveña no mercado da vivenda con un censo de vivendas desocupadas e incentivos para rehabilitalas, limpalas e poñelas en aluguer.
O BNG propón tamén actuar nos espazos comunitarios das parroquias. «A cohesión social de Betanzos pasa por manter vivos os espazos comunitarios das parroquias», defende Tenreiro, que propón «facilitar a apertura diaria dos locais sociais, recuperar os espazos deportivos hoxe deteriorados e en desuso, mellorar os parques e deseñar unha programación estable de actividades para todas as idades».
Segue lendo
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.