Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 2 Últimos días para inscribirse en Postos na Feira do Mercado Social: ata o 25 de novembro

Concello

As obras de Dona Águeda seguen paradas á espera da Deputación

O Concello de Betanzos di que xa rematou os trámites para modificar o proxecto e que llo enviou á Deputación, que o cofinancia. Ata que se retomen os traballos, a empresa fará actuacións para minimizar os problemas da praza.

Redacción · Edición: Álvaro García Torres · · 2 min

Compartir esta noticia

A praza de Dona Águeda con xente camiñando por ela
Foto: Álvaro García Torres

As obras da praza de Dona Águeda seguen paradas, pero o proxecto modificado xa está na Deputación. O Concello de Betanzos asegura que completou todos os trámites administrativos que lle correspondían e que agora espera que a tramitación provincial se axilice ao máximo para retomar os traballos canto antes. Non dá unha data para a volta das obras.

A alcaldesa, María Barral, atribuíu a paralización a un erro técnico na redacción do proxecto inicial. Segundo explicou, daquela non se detectou que a solución de illamento e impermeabilización prevista tiña un grosor moi inferior ao necesario. «Foi unha vez aberta a zona de actuación cando se comprobou que o estado real da praza era máis complexo do que reflectían as medicións previas», dixo.

Actuacións para reducir as molestias

Mentres a Deputación completa a tramitación, xa que o proxecto está cofinanciado polas dúas administracións, a empresa adxudicataria fará actuacións para minimizar os problemas existentes antes de abordar os traballos definitivos. Pediullo o Concello, co obxectivo de reducir as molestias aos veciños durante este período. A nota municipal non concreta en que consistirán nin cando se farán.

Barral di entender o malestar dos veciños e dos propietarios das prazas de aparcamento situadas baixo a praza, que levan tempo sufrindo filtracións. Segundo a rexedora, o Concello non quixo continuar cunha actuación que non resolvese o problema de fondo e por iso optou por paralizar os traballos, modificar o proxecto e asumir o incremento económico.

Máis de 190.000 euros, e 40.000 máis

As obras están incluídas nun programa provincial e partían dun investimento superior aos 190.000 euros. En setembro o Concello aprobou unha modificación orzamentaria de algo máis de 40.000 euros para cubrir o aumento do custo.

A intervención contempla a renovación do pavimento, a reorganización do mobiliario, a eliminación das xardineiras fixas, a mellora da recollida das augas pluviais e a solución definitiva dos problemas de impermeabilización cara á planta inferior.

Elaborado a partir da nota de prensa que remitiu o Concello de Betanzos.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.