Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4 Mañá remata a inscrición para a matrícula da Escola Municipal de Folclore

Nós

Última actualización:

BetanzosHoxe é un medio dixital de información local sobre Betanzos e a súa comarca: Abegondo, Aranga, Bergondo, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Vilarmaior. Publicamos en galego e en castelán. Non dependemos de ningunha administración, partido nin grupo de comunicación.

Quen está detrás

BetanzosHoxe naceu en agosto de 2026. Fundouno Álvaro García Torres, que é o seu titular e o responsable do que se publica; os seus datos están no aviso legal. Para calquera cousa —unha información, unha corrección, unha queixa—, escribe a redaccion@betanzoshoxe.es.

Que publicamos

  • Contido propio. Entrevistas, reportaxes e informacións que elaboramos nós e que non se publicaron antes en ningún outro sitio.
  • O que din as fontes oficiais e públicas: o gabinete de prensa e o taboleiro de anuncios do Concello, o Boletín Oficial da Provincia, MeteoGalicia ou o Colexio de Farmacéuticos, entre outras. Contámolo en claro e ligamos ao documento orixinal.
  • O que publican outros medios, como punto de partida. Seguimos o que se conta de Betanzos noutros sitios. Cando unha peza nosa parte dunha información doutro medio, indicámolo e ligamos ao orixinal.
  • Servizos: o tempo, as farmacias de garda e a axenda de actos.

Como traballamos

Parte do traballo faino un sistema automático: le as fontes oficiais, avisa do que hai de novo e prepara borradores. Usamos tamén ferramentas de intelixencia artificial para axudar a redactar, a reescribir e a traducir. Contámolo porque quen le ten dereito a saber como se fixo o que está a ler.

O que non fai ningunha máquina é decidir que se publica:

  • Nada se publica sen que o aprobe unha persoa. Hai dúas excepcións, e ningunha decide nada novo: as páxinas de servizo con datos públicos —a previsión do tempo, as farmacias de garda—, que se actualizan soas coa súa atribución, e a versión na outra lingua dunha peza que xa aprobou unha persoa.
  • As traducións son automáticas e compróbanse antes de saír. Un sistema verifica que a versión en castelán di o mesmo que a galega —ou ao revés—: as mesmas cifras, as mesmas ligazóns, a mesma estrutura. Se algo non cadra, non se publica. Os comentarios dos lectores non se traducen nunca.
  • A intelixencia artificial non pon os feitos. Pedímoslle que traballe só co texto da fonte, sen engadir datos, e o que escribe revísao unha persoa antes de publicalo.
  • Nada se publica por silencio. Unha peza que ninguén revisa non sae.

De onde sacamos as cousas

Sempre que podemos, escribimos desde a fonte primaria: quen fai a cousa ou quen a ten rexistrada. Cada peza di de onde saíu e, se a fonte está en internet, ligamos a ela para que poidas comprobalo ti.

As imaxes

Cada imaxe leva ao pé de onde vén:

  • Fotografías propias, feitas por nós. Cando son do noso arquivo de Betanzos e non do feito que se conta, levan a palabra Arquivo e o nome de quen as fixo: ilustran a peza, pero non son unha foto do que pasou.
  • Fotografías cedidas polos protagonistas, pola organización dun acto ou por quen as fixo, co seu crédito.
  • Imaxes de entidades públicas e doutras fontes —o Concello, a Xunta, unha asociación ou unha empresa protagonista da noticia—, co seu crédito.
  • Ilustracións xeradas con intelixencia artificial, cando non temos unha foto que veña a conto. Levan sempre escrito «Ilustración xerada con intelixencia artificial», e esa etiqueta non se pode quitar. Son ilustracións, non fotografías: o noso criterio é que non retraten persoas recoñecibles nin intenten reproducir o que pasou.

Se non hai ningunha imaxe axeitada, a peza sae sen imaxe: un oco non afirma nada, e unha foto que non vén a conto si.

Erros

Equivocarémonos. Cando pase, corriximos e facémolo constar na propia peza: unha corrección silenciosa non é unha corrección. Se atopas un erro, escribe a redaccion@betanzoshoxe.es.

Comentarios

Podes comentar as pezas durante os 30 días seguintes á súa publicación, agás en Sucesos. Cada comentario confírmase por correo e, antes de publicalo, leo unha persoa da redacción. Amósanse tal e como se escribiron, sen traducir.

Publicidade

Se algún día hai contido pagado, aparecerá marcado como PUBLICIDADE en todos os sitios onde apareza a peza: portada, listaxes, RSS e boletín. Que un anunciante saia nunha noticia non a frea nin a impulsa.

Onde atoparnos

Ademais de aquí, publicamos as noticias novas en Facebook, Instagram, Threads e X. Tamén podes recibilas por correo co boletín —o formulario está ao pé de cada páxina— ou seguirnos por RSS.