Política de privacidade
Última actualización:
O resumo: se só les o xornal e non aceptas a analítica, non gardamos nada de ti. Se te subscribes ao boletín, gardamos o teu correo e o que queres recibir. Se deixas un comentario, gardamos o nome, o correo —que non se amosa nunca— e o texto. Se nos escribes pola páxina de contacto, gardamos o que poñas nela durante doce meses e non se publica nada. Se aceptas a analítica, Google e Microsoft miden como se le o sitio; se non a aceptas, non se carga ningún dos dous.
Responsable do tratamento
- Titular
- Álvaro García Torres
- NIF
- 74919114H
- Domicilio
- Rúa Bernardo Miño 7, 15300 Betanzos (A Coruña)
- Correo electrónico
- redaccion@betanzoshoxe.es
- Contacto
- betanzoshoxe.es/contacto/
- Nome do medio
- BetanzosHoxe
- Sitio web
- https://betanzoshoxe.es/
Que datos tratamos e por que
Se te subscribes ao boletín
Gardamos o teu enderezo de correo electrónico, o idioma, a data, desde que parte do sitio te subscribiches e que queres recibir: o boletín xeral, os avisos dalgunhas seccións ou todo. Nada máis: nin nome, nin teléfono.
- Para que
- Enviarche o boletín e os avisos das seccións que escollas.
- Base xurídica
- O teu consentimento (artigo 6.1.a do RGPD). Nunca te damos de alta sen que o confirmes: enviámosche un correo cunha ligazón e, ata que a abras, non estás subscrito. Se alguén escribe o teu enderezo sen que ti o saibas, non pasa nada.
- Canto tempo
- Mentres esteas subscrito. As altas que ninguén confirma bórranse soas aos sete días. Se te das de baixa deixamos de enviarche nada e o enderezo queda marcado como baixa, que é o que nos permite asegurarnos de que sae tamén das listas do servizo de envío. Se queres que o borremos del todo, escribe a redaccion@betanzoshoxe.es.
- Quen os envía
- Sender (UAB Sender.lt, empresa con sede en Lituania, na Unión Europea), como encargada do tratamento. Só lle pasamos o teu enderezo despois de que confirmes, xunto coas listas nas que queres estar.
Se deixas un comentario
Gardamos o nome que escribas, o teu enderezo de correo, o texto, o idioma e as datas. O nome e o texto publícanse se os aproba unha persoa da redacción; o correo non se amosa nunca nin se lle cede a ninguén.
- Para que
- Publicar o teu comentario e poder escribirte se fai falta preguntarche algo sobre el.
- Base xurídica
- O teu consentimento (artigo 6.1.a do RGPD). Nada se publica sen que o confirmes: mandámosche un correo cunha ligazón e, ata que a abras, o comentario non o ve ninguén. Despois de confirmalo aínda ten que aprobalo unha persoa.
- Canto tempo
- Os que ninguén confirma bórranse sós aos sete días. O resto gárdanse ata que nos pidas que os borremos, estean publicados ou non: escribe a redaccion@betanzoshoxe.es.
- Que NON gardamos
- Nin o teu enderezo IP nin o teu navegador. Os correos de confirmación saen por Sender, a mesma encargada do boletín.
Se nos escribes pola páxina de contacto
Gardamos o nome, o enderezo de correo, o asunto que escollas e o texto da mensaxe. Nada disto se publica en ningures nin se lle cede a ninguén: lese na redacción e para aí.
- Para que
- Ler o que nos contas e responderche.
- Base xurídica
- O teu consentimento (artigo 6.1.a do RGPD): escríbesnos ti. Aquí non che mandamos ningún correo de confirmación, ao revés que no boletín ou nos comentarios — como non se publica nada, non hai nada que confirmar, e pedirche unha confirmación para poder avisarnos dun erro sería poñer unha porta onde non fai falta.
- Canto tempo
- Doce meses, e despois bórranse soas. Se queres que borremos antes o que nos escribiches, dío e bórrase.
- Que NON gardamos
- Nin o teu enderezo IP nin o teu navegador. E o formulario non admite ficheiros adxuntos.
Cando envías un formulario
Para evitar que alguén use o formulario do boletín, o dos comentarios ou o de contacto para mandar centos de correos, gardamos durante unha hora un resumo criptográfico do teu enderezo IP —non a IP— só para contar cantos envíos chegan desde esa conexión. Pasada a hora bórrase. Contámoscho porque ese resumo segue sendo un dato persoal, e calalo sería mentir por omisión.
Se aceptas a analítica
Ao entrar amosámosche un aviso cunha pregunta e dous botóns. Ata que premas «aceptar» non se carga nada: o teu navegador non lle pide un só byte a Google nin a Microsoft, e podes comprobalo na pestana de rede do teu navegador. Se premes «non, grazas», nunca se cargan.
Se aceptas, entran dúas ferramentas:
- Google Analytics 4
- Conta visitas: que páxinas se len, de onde chega a xente, con que aparello e canto tempo queda. Presta o servizo Google Ireland Limited. Segundo Google, esta versión non garda o enderezo IP: úsao só para deducir o país e a cidade aproximados.
- Microsoft Clarity
- Isto grava a túa sesión. Non é unha forma de falar: rexistra o movemento do rato, os clics e o desprazamento, e permítenos reproducilo despois como un vídeo para ver onde se atasca a xente. Clarity oculta automaticamente o que escribes nos campos de texto, pero dicímoscho igual porque é bastante máis que contar visitas e case ninguén o espera. Presta o servizo Microsoft Ireland Operations Limited.
- Base xurídica
- O teu consentimento, e só el (artigo 6.1.a do RGPD e artigo 22.2 da Lei 34/2002). Sen premer «aceptar» non hai tratamento ningún.
- Canto tempo
- O que teña configurado cada ferramenta. Hoxe están nos seus valores por defecto: Google Analytics conserva os datos a nivel de usuario 2 meses e Clarity conserva as gravacións 30 días. Se cambian alí, cambia esta páxina.
- Fóra da Unión Europea
- As dúas empresas poden tratar os datos en servidores dos Estados Unidos. Ámbalas dúas están adheridas ao EU-US Data Privacy Framework, o marco que a Comisión Europea considera adecuado, e usan ademais as cláusulas contractuais tipo. Se iso non che parece suficiente —é unha opinión lexítima—, preme «non, grazas» e non sae nada de aquí.
Cando premes no aviso da analítica
Apuntamos un número: cantas veces se premeu «aceptar» e cantas «non, grazas», por día e por idioma. Nada máis: nin o teu IP, nin un resumo do teu IP, nin o teu navegador, nin a hora. A táboa que conta os rexeitamentos dunha ferramenta de seguimento non pode ser ela mesma unha ferramenta de seguimento.
Rexistros do servidor e copias de seguridade
Como calquera sitio web, o servidor rexistra as peticións que recibe, incluído o enderezo IP, por seguridade e para diagnosticar fallos. Non usamos eses rexistros para perfilar a ninguén nin para medir audiencia.
Facemos unha copia de seguridade diaria da base de datos e gardamos as dos últimos sete días. Por iso, un dato que borramos pode seguir nesas copias ata sete días máis, e despois desaparece.
O que non facemos
- Non cedemos nin vendemos datos e non hai publicidade que te siga.
- Os botóns de compartir non cargan nada. Son ligazóns simples: a rede social non sabe que estiveches aquí ata que premes nun deles e vas a ela.
- Non cargamos tipografías, mapas nin vídeos doutros dominios. A política de seguridade do sitio impide tecnicamente cargar calquera cousa que non sexa deste dominio ou das dúas ferramentas de analítica, e estas só se aceptas.
- Os datos dos lectores non pasan por ningunha intelixencia artificial. Usámola para traballar cos textos das noticias, nunca cos comentarios nin cos enderezos de correo.
Quen máis ve os teus datos
Só estas empresas, como encargadas do tratamento, co contrato que esixe o artigo 28 do RGPD e sen poder usalos para nada propio:
- LucusHost
- Aloxa o sitio e a base de datos, en servidores situados en Francia, na Unión Europea.
- Sender (UAB Sender.lt)
- Envía o boletín e os correos de confirmación. Lituania, Unión Europea.
- Google Ireland Limited e Microsoft Ireland Operations Limited
- Só se aceptas a analítica.
As nosas redes sociais
Publicamos as noticias tamén en Facebook, Instagram, Threads e X. Se nos segues ou comentas alí, eses datos trátaos cada rede segundo a súa política. Nós só vemos o que a rede amosa publicamente e as estatísticas agregadas que ofrece a calquera páxina.
Como retirar o consentimento
No pé de todas as páxinas hai unha ligazón, «Cambiar a miña decisión sobre a analítica», que volve abrir o aviso. Vale nas dúas direccións: quen aceptou pode rexeitar e ao revés. Retirar o consentimento ten que custar o mesmo que darllo, e por iso non está escondido nesta páxina.
Ao rexeitar deixan de cargarse as ferramentas inmediatamente. As cookies que quedasen no teu navegador de antes bórranse desde a configuración do navegador —explicámolo na páxina de cookies—.
Os teus dereitos
Podes pedirnos acceder aos teus datos, rectificalos, suprimilos, opoñerte ao tratamento, limitalo ou recibilos nun formato portable. Escribe a redaccion@betanzoshoxe.es.
Para darte de baixa do boletín non fai falta escribir a ninguén: cada correo leva unha ligazón á túa páxina de preferencias, e o primeiro botón que hai nela é «Darme de baixa de todo».
Se tes menos de 14 anos, para subscribirte ou comentar precisas o permiso de quen teña a túa patria potestade (artigo 7 da Lei Orgánica 3/2018).
Se cres que non atendemos ben a túa solicitude, podes reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (aepd.es).
Cambios nesta política
Se cambiamos o que facemos cos datos, cambiamos esta páxina e movemos a data de actualización que aparece arriba. Unha política que se queda vella é peor que non tela: di que non fas algo que xa empezaches a facer.