Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 2 Últimos días para inscribirse en Postos na Feira do Mercado Social: ata o 25 de novembro

Hoxe

O BNG advirte de esperas de ata 25 minutos no Castro Baxoi

O BNG de Miño valora o cambio de horario do CPI Castro Baxoi anunciado para o 1 de decembro, que segundo o partido corrixe o tempo lectivo da ESO, pero advirte de que o alumnado de Infantil e Primaria terá que agardar ata 25 minutos antes de entrar en clase.

Redacción · Edición: Álvaro García Torres · · 2 min

Compartir esta noticia

Alberte G. Nicolás, portavoz do BNG de Miño, retratado nun soportal con camiseta branca
Foto: BNG As Mariñas

O BNG de Miño valora positivamente a modificación do horario lectivo do CPI Castro Baxoi, anunciada para o 1 de decembro. Segundo a formación, que levou o asunto ao Parlamento de Galicia, o alumnado de ESO viña tendo menos tempo lectivo do que marca a lei.

“Por fin se vai corrixir a situación irregular que se viña producindo na ESO, onde o alumnado dispoñía de menos tempo lectivo do estabelecido por lei, o que supuña unha clara diminución da calidade do ensino”, explicou o portavoz do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás.

Os novos horarios

Segundo o BNG, desde o 1 de decembro o alumnado de ESO comezará as clases ás 8:45, mentres que o de Infantil e Primaria seguirá entrando ás 9:00. O partido indica que, de acordo coa comunicación que o centro trasladou ás familias, o transporte escolar chegará a partir das 8:35.

Para o BNG, isto obrigará o alumnado de Infantil e Primaria a agardar ata 25 minutos antes do inicio das clases. Esa espera, segundo o partido, será no patio cuberto, un espazo que, sinala, ten filtracións de auga denunciadas desde hai anos.

“Non pode ser que, para solucionar un problema, se obrigue agora o alumnado de Infantil e Primaria a agardar até 25 minutos no centro, precisamente nun patio cuberto que presenta problemas de filtracións”, sinala Nicolás.

O que pide o BNG

O portavoz sostén que as deficiencias do centro van máis alá do horario e que tanto o BNG como a comunidade educativa seguen denunciando problemas estruturais, como as filtracións no patio cuberto e na cuberta do acceso á zona de Infantil, entre outras carencias.

O partido pide que a reorganización dos horarios e do transporte se aborde de maneira integral, sen que repercuta no alumnado máis pequeno nin no persoal docente. Neste sentido, apunta á posible necesidade de incorporar persoal de apoio ou de desdobrar o servizo de autobuses.

“É imprescindíbel que a Xunta de Galiza busque unha solución que permita compatibilizar o cumprimento dos horarios lectivos coa atención adecuada a todo o alumnado”, conclúe Nicolás.

En outubro, o BNG de Miño xa criticara ao goberno local pola falta de conserxe e o ascensor parado do CPI Castro Baxoi.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.