Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 2 Últimos días para inscribirse en Postos na Feira do Mercado Social: ata o 25 de novembro

Hoxe

Miño ensinará a cultivar a súa cebola chata durante un ano

O Concello de Miño organizará durante un ano cursos para aprender a cultivar a cebola chata, a variedade propia da comarca, cun proxecto que AGADER cofinancia nun 64 %.

Redacción · Edición: Álvaro García Torres · · 2 min

Compartir esta noticia

Cebolas colocadas nun suco de terra recén aberto, cunha persoa agachada ao fondo plantándoas
Foto: Concello de Miño

O Concello de Miño porá en marcha cursos de formación ao longo dun ano para ensinar todo o proceso de cultivo da cebola chata, a variedade propia da comarca. Están pensados para os veciños e veciñas que queiran aprendelo e para quen teña interese en entrar no sector agroalimentario.

A iniciativa leva por título «Novo emprego agrario: unha oportunidade laboral sostible en Miño». AGADER cofinancia o 64 % a través do Grupo de Desenvolvemento Local.

Clases en Leiro e prácticas nunha finca municipal

As sesións desenvolveranse na parroquia de Leiro. A parte práctica farase nunha finca do Concello situada ao lado do Local Social de Leiro.

Un manual e vídeos de libre acceso

O proxecto vai máis alá das clases: inclúe un programa de difusión e a gravación do que se ensine para elaborar titoriais dixitais e impresos sobre como se produce esta cebola.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, explica que «a finalidade do proxecto é promover a incorporación de persoas á produción agroalimentaria no Concello, especialmente dunha variedade autóctona como a ‘cebola chata’», cunha formación que, segundo indica, será gratuíta. Engade que «este proxecto contempla a recollida e documentación de todo o proceso nun manual didáctico que será publicado e en vídeos tutoriais de libre acceso».

Relevo xeracional no campo

Desde a área de Desenvolvemento Local do Concello consideran o proxecto estratéxico para favorecer o relevo xeracional e para que os produtores de hoxe transmitan o que saben a quen queira empezar.

Con el búscase crear emprego agrícola e que as fincas que agora se dedican a esta variedade non queden abandonadas. Tamén se quere dar valor ao emprendemento nos novos métodos de produción e animar a consumir alimentos de proximidade, que reducen a pegada de carbono do transporte.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.