Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4 Mañá remata a inscrición para a matrícula da Escola Municipal de Folclore

Concello

"É máis raro que veña un peregrino galego ca un de Australia" - Entrevista a Elena Carro

Técnica de turismo do Concello desde 2007, Elena Carro repasa un verán cun 6 % menos de visitantes, o peso crecente do Camiño Inglés, o boom das vivendas turísticas e o futuro do Pasatempo. E explica por que nunca che vai dicir onde comer a mellor tortilla.

Redacción · · 13 min

Actualizado o

Compartir esta noticia

Elena Carro, responsable da oficina de turismo de Betanzos
Foto: Cedida

Elena Carro leva desde 2007 á fronte da oficina de turismo do Concello de Betanzos e, como ela mesma di, «xa case o vin todo». Entrevistámola no seu mostrador un día «un pouco caótico», coa tempada de verán acabada de pechar, o calendario de visitas guiadas de outono a piques de saír e unha mudanza a unha nova oficina prevista para outubro. Falamos de cifras, de peregrinos, de pisos turísticos, de aparcadoiro, do Pasatempo e de por que nunca che vai dicir onde está a mellor tortilla.

Instagram da oficina de turismo

Na oficina

Como é un día normal aquí en febreiro e como é en agosto?

Bastante diferente. En febreiro sempre hai alguén, porque hai peregrinos, algún cruceiro na Coruña ou algún grupo de viaxes da terceira idade, pero é un traballo máis tranquilo, máis administrativo: proxectos, correos, organizar a axenda de marzo, que xa ten máis movemento polas visitas escolares e as visitas guiadas. En agosto, un día normal son unhas 200 ou 300 persoas que pasan polo mostrador. Basicamente é dar información: que visitar, onde comer, horarios dos monumentos, horarios de transporte, festas… e ademais o teléfono, os correos e as consultas que entran por outros lados.

Cantas persoas traballades?

Case sempre estou eu soa. Desde este ano está Vanessa, unha compañeira doutro departamento que se trasladou a Turismo e se adaptou moi ben. De maio a outubro, cunha subvención da Deputación da Coruña para contratación de persoal, temos dúas persoas de reforzo: unha entre semana e outra para as fins de semana. E adoitamos ter alumnos en prácticas todos os anos; a finais deste mes empeza unha rapaza. Pero como cadro de persoal, cadro de persoal, son eu.

Entrada de la oficina de Turismo de Betanzos
Foto: Álvaro García Torres

O verán, en cifras

Levas desde 2007. Faime un resumo da evolución.

Cando empecei, 2007 e 2008 foron anos moi bos. 2010 foi espectacular porque foi Xacobeo, cunhas cifras que non volvemos repetir nunca máis. Despois chegou a crise e notouse, porque o turismo nacional resentiuse moito. A partir de 2016 volvemos subir dunha maneira brutal; empezouse a facer moitísima promoción, sobre todo co tema da tortilla, moito evento. En 2020, antes de que nos pechasen, xa iamos moi por riba do ano anterior. 2022 e 2023, bastante ben. O ano pasado notamos un pouquiño menos, e este ano seguimos notando un pouquiño menos.

Canto menos respecto a 2025?

En cifras, arredor dun 6 % menos, que é o que estamos vendo en todas partes. Os prezos subiron moito e a xente vén menos ou pasa menos tempo. Pero non nos podemos queixar: foi un verán de moitísimo traballo, e se preguntas na hostalaría vanche dicir que foi moi bo.

De onde vén o visitante? Cambiou o perfil?

Non demasiado. O visitante tradicional segue sendo nacional, sobre todo de Madrid. Si notamos moito aumento de xente do sur —Andalucía, Murcia— e supoñemos que é polo clima, porque seguimos sendo unha rexión fresquiña. E quizais baixou Cataluña. Entre os estranxeiros que veñen pola súa conta, Francia é a que máis xente nos trae. Despois temos moitísimo turismo británico e alemán, pero polos cruceiros; e Estados Unidos, menos. Hai uns anos era Portugal, pero xa non.

Os madrileños teñen fama en Galicia, ata teñen alcume. Nótase?

Hainos, pero son anécdotas, non a maioría. Ás veces cren que, como é un sitio pequeno, non hai moita afluencia. O outro día uns sorprendíanse de que houbese que reservar mesa para comer, «que isto non era Madrid». Ou o de querer chegar co coche ata a porta, que en Madrid nin cho formulas. Pero é moi pouca xente: os que hai fan moito ruído, pero non son tantos.

Señalización del camino de Santiago
Foto: Álvaro García Torres · Fonte: betanzoshoxe.es

O Camiño Inglés: entre o 25 e o 30 % do ano

Que peso ten o Camiño Inglés?

Moi alto, moito máis do que sabemos, porque nós non atendemos a todo o mundo nin estamos 24 horas. É o cuarto Camiño en número de peregrinos. Cando eu empecei, aos primeiros que viñan preguntáballes «equivocástesvos?, tedes que ir a Sarria?», porque por aquí case non había nada, nin estaba sinalizado. Agora é moi, moi importante. Os últimos dous ou tres anos estámolo notando un montón, e os veciños tamén: vense, están tomando algo pola tarde coa chancleta. A tenda de enfronte vende moitos máis calcetíns; a tenda de deportes montou unha zona de trekking. Chegan de Pontedeume, que é unha vila grande, a unha cidade con todo tipo de servizos, e ata Santiago non van atopar nada tan completo. E sobre todo o aloxamento: cambiou totalmente na cidade, e foi polos peregrinos. Normalmente estamos entre un 25 e un 30 % do anual. Non sei que vai pasar o ano que vén, que é Ano Santo.

De onde son?

Témolos de todo o mundo —onte, de Xamaica, Lituania, Dinamarca—, pero a maior parte son italianos, con moita diferenza, e case todos do norte, da zona de Milán, seguramente pola conectividade dos voos. Son xente de todas as idades, súper educados, esfórzanse por entenderse. Teñen moito medo ás etapas, coma todos, pero son moi majos. Case é máis raro que veña un peregrino galego ca un de Australia.

Quedan unha noite ou máis?

Hai de todo: o que fai o Camiño como algo espiritual, vai ao albergue e segue; o que vén en grupo con todo organizado, coma unhas vacacións camiñando; e o que queda dúas noites porque lle gusta e quere probar a gastronomía. E vén moita xente que nos di «eu fixen o Camiño Inglés, pasei por aquí, non parei e agora volvín», ou «agora traio a familia». Son moi bos prescritores.

Xabaríns, tortilla e a casa de Paco Buyo

A pregunta máis rara que che fixeron?

Hai anos tiña unha libreta onde apuntaba estas cousas. Pregúntannos moitísimo polos «porcos» da igrexa, os xabaríns que son o símbolo da familia Andrade. Pero agora case nos preguntan máis pola tortilla ca polo que ver: onde comer tortilla, onde hai tapas. Xente dunha idade pregunta pola casa de Paco Buyo, que segue activo na radio e vén pasar os veráns porque a súa familia e a súa muller son de aquí; velo pola rúa tomando os viños e faise fotos con todo o mundo. E moitísimas preguntas sobre o Pasatempo, porque leva moitos anos pechado. Pero os xabaríns e a tortilla gañan por goleada.

E onde se come a mellor tortilla?

Esa é a pregunta do millón, todos os días: «dime ti onde imos comer a tortilla, que ti es de aquí». Nós non o podemos facer, non nolo permiten. Se preguntan onde está un restaurante concreto, indicámolo, pero nunca imos dar un nome. Ademais, os gustos son moi particulares: a miña compañeira e eu seguramente non temos o mesmo sitio favorito.

Cal é o recurso turístico máis infravalorado?

O río e a ría. Temos un montón de patrimonio, aínda que non todo está igual nin todo se visita —as salas dos museos, por exemplo—, pero á natureza, mesmo aos Caneiros, ao río e á ría, facémoslles moi pouco caso. E é unha marabilla: un río espectacular, con paisaxes que cambian totalmente coas estacións e se poden gozar todo o ano.

Hai un souvenir local?

A tortilla non se pode levar na mochila, así que non. Non temos unha icona, algo que a xente diga «cómproo porque só o hai en Betanzos». Un globiño, pero tampouco o podes levar.

Nove rutas guiadas gratuítas

Que visitas guiadas ofrece a oficina?

Temos un programa de visitas guiadas desde 2013. Empezamos con catro rutas e agora temos nove temáticas diferentes, ningunha ten que ver coa outra: casco histórico, modernismo, os irmáns García Naveira, unha específica sobre o museo, a do viño cos ríos e o santuario, a lancha turística —que onte rematou a tempada—, os pintores que traballaron na cidade, oficios e tradicións… Son gratuítas, normalmente en sábados ou festivos, cun calendario de primavera e outro de outono. O de outono sacarémolo, espero, como moi tarde o día 15; estou pendente de que me confirmen un edificio.

Hai algunha sobre García Lorca?

Específica non, pero mencionámolo en dúas. Na monumental, porque en Santa María está a foto de Lorca cando nos visitou cuns amigos en 1932. E en «Betanzos en feminino», porque unha das protagonistas é Natalia Jiménez Cossío, filla da familia que dirixía a Residencia de Estudiantes: de nena, os seus compañeiros de xogos eran Lorca, Buñuel e Dalí.

Hai guías habilitados na zona?

Eu son guía oficial, habilitada en inglés, e hai varias persoas máis e pequenas empresas que están traballando aquí e funcionan moi ben. Tamén veñen guías de moitos sitios, porque Betanzos é un dos destinos demandados de Galicia; o grupo dos cruceiros vai con guía oficial en alemán, por exemplo. Traballo hai.

Orzamento, comercio e unha oficina nova

Contades con orzamento e apoio?

Somos unha oficina municipal, un departamento máis do Concello. O orzamento non é moi alto nin temos unha cantidade asignada cada ano. Pero hai que sinalar que a actual alcaldesa foi durante moitos anos concelleira de turismo, así que algo do sector sabe e tennos en conta. De feito, ímonos cambiar a unha oficina nova, nun sitio moi chulo.

Hai coordinación co comercio e a hostalaría?

Nós facemos o noso propio mapa turístico, puramente informativo. A hostalaría e o comercio xestionan un mapa comercial con publicidade, que nós temos dispoñible e entregamos. E a asociación de comerciantes ten o seu xornal, no que eu escribo un artigo, que é súper importante para eles.

De 40 a case 200 prazas de Airbnb

Hai suficiente planta hoteleira?

Cando eu empecei había «dous hoteis e medio». Hoxe hai dous hoteis e un hostal no casco histórico —que debería ser hotel, pero por instalacións é hostal—: unhas 70 habitacións entre os tres, non é un gran número. As pensións medraron, pero estamos nunhas 30 prazas. E temos tres albergues de peregrinos: o público da Xunta, desde 2013; un privado dunha institución relixiosa; e un privado dunha empresa, con 35 prazas, que está moi ben.

E as vivendas turísticas?

Aí teño datos: pasamos dunhas 40 prazas en Airbnb en 2021 a case 200. A finais de 2025 había 79 vivendas de uso turístico rexistradas oficialmente na Xunta, a maioría de dúas a cinco prazas. É moi curioso como están distribuídas: hai moitas no casco histórico, por dentro do percorrido dos peregrinos, e moitas nunha zona xusto detrás, de vivendas de hai 40 ou 50 anos cuxa xente se trasladou a pisos máis modernos e as puxo en alugueiro turístico antes de telas pechadas. Desde o Concello quérese aprobar unha regulación de onde se poden instalar.

Queixas: horarios, aparcadoiro e «visita de dúas horas»

De que se queixa máis o visitante?

Dos horarios de visita dos monumentos, por moito que expliquemos que non temos competencia sobre o que non é municipal: as igrexas non son miñas, non podo dicir que as abro ou as pecho. E do aparcadoiro, que pode ser complicado en momentos moi puntuais, pero os veciños tamén o sufrimos, é un problema de todos. Eu non considero un problema ter que andar 10 ou 15 minutos; en calquera cidade desprázaste máis. Aquí pódese ir andando a todas partes. E meter os coches no casco histórico paréceme o peor: son moi anticoches no centro. A partir do 1 de outubro, coa nova normativa, terá que haber menos, porque non se debe consentir que unha praza pública de uso veciñal coma a da Constitución se encha de coches aparcados.

Betanzos ten o problema da «visita de dúas horas»?

Si, e creo que o propiciamos nós mesmos co tipo de promoción que fixemos: «veño, como unha tapa e marcho, porque total non hai moito máis», cando temos moito máis. Non digo unha semana, pero un día enteiro si, e iso beneficiaría o aloxamento. Xa notamos cambios: desde que temos a área de autocaravanas, en 2020, moita xente pernocta; pode quedar pequena en momentos puntuais, pero non temos o caos doutras localidades de Galicia, e é un turismo que gasta bastante diñeiro, aínda que a xente pense que non. E seriamos un sitio ideal para estar unha semana en Galicia, porque estamos moi ben comunicados con todo. O transporte público xa é outro tema.

O Pasatempo: «Temos aí un diamante tremendo»

Que está pasando co Pasatempo?

É un parque municipal desde os anos 80, cando se comprou aos descendentes dos García Naveira. Ata entón sufriu de todo: vendas, desaparición de pezas. Nos 90 fíxose unha primeira restauración a través dunha escola obradoiro, unha formulación que naquel momento pareceu a correcta, pero non se previu o mantemento. Estaba aberto libre e gratuitamente todo o día, sen control de aforo: as fins de semana de verán podía haber miles de persoas en espazos non pensados para tanta xente. Despois chegou o incivismo —romper as estatuas, as plantas, lixo, botellón, pintadas— e o parque foise degradando. É enorme, fai falta moito persoal e moito mantemento, e non o había. Ademais, cando se fixo o proxecto de restauración descubriron que é unha construción de principios do século XX sen cimentos. Tívose que pechar en outubro de 2018 por un vandalismo esaxerado.

E desde entón?

Empezáronse a buscar fondos, chegou a pandemia, e ao final é un proxecto a tres mans, de tres cores políticas: Goberno central, Xunta —que o declarou BIC a partir dunha proposta veciñal— e Concello. Vai por fases, porque é moi grande e é moito diñeiro; hai que licitar, con toda a burocracia administrativa elevada á máxima potencia, e algunha licitación quedou deserta porque o custo non chegaba cos materiais. E a restauración é moi difícil: falei coa restauradora, que restaurou o Pórtico da Gloria, e di que aquí por un lado avanzan e polo outro estáselles deteriorando.

Datas?

Xa non me arrisco con datas. En principio non debería faltar tanto, e imaxino que antes de maio de 2027, que hai municipais, veremos algo. O plan director contempla o uso turístico: onde aparcar os autobuses, porque pasa unha estrada polo medio; canta xente entra; que prezo de entrada, porque orixinalmente pagábase e non se pode ter un recurso así sen cobrar. É unha mágoa, porque é espectacular. Temos un casco histórico espectacular, pero o parque é outra cousa: non hai nada así en Galicia. Sempre o comparamos coa Quinta da Regaleira ou co Park Güell. As miñas fillas non o coñecen: eran moi pequeniñas cando o pechamos.

«Construiría unha estación de autobuses»

Se tiveses investimento, que farías primeiro?

Rematar o Pasatempo e abrilo ao público de maneira xestionada e organizada, por favor. Despois investiría no casco histórico: as vivendas son dos seus propietarios, pero que se abrisen negocios, que non sexa un decorado turístico onde a xente vén, fai unha fotiño e marcha, senón que tivese máis vida. E construiría unha estación de autobuses, onde todos os buses chegasen e saísen do mesmo sitio e a xente puidese preguntar un horario. E que non falten os autobuses á Coruña nin a Santiago: cando eu estudaba había catro e agora queda un, cun horario que non lle vén ben a ninguén. Volvémonos tolas actualizando horarios todos os días e aínda así non funciona.

Última, con cachondeo: Algunha vez te perseguiu un ganso?

Si. Intentoume morder o emú que tiñamos no Pasatempo hai anos; ía con grupos de nenos que se achegaban e, ao apartar a un, perseguiume. E tamén me perseguiu unha señora que vive en Inglaterra: vira un programa da Televisión de Galicia polo canal internacional no que eu saía falando de Betanzos e veu á oficina para dicirmo. Sentín o peso da fama por un momento.

Compartir esta noticia

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos, e despois lerao unha persoa da redacción.