Conta Xeral de Betanzos de 2025 cunha execución do gasto de case o 100%
O Concello de Betanzos aprobou a Conta Xeral de 2025, que recolle 15,13 millóns de euros en obrigas e unha execución do gasto do 99,99%. PP e BNG criticaron a xestión económica do PSOE, mentres o Goberno local defende o carácter técnico do documento.
O Concello de Betanzos aprobou a Conta Xeral de 2025, un documento que recolle 15,13 millóns de euros en obrigas e unha execución do gasto do 99,99%, segundo os datos facilitados polo Goberno local. Na parte de ingresos, os dereitos recoñecidos netos acadaron os 14,81 millóns de euros e a recadación efectiva foi de 13,81 millóns, cunha taxa de recadación do 93,26%.
O Goberno municipal, que dirixe María Barral, subliñou que a situación de tesourería reflicte a capacidade financeira da administración. Betanzos pechou o exercicio con 3,71 millóns de euros de fondos líquidos, mentres que o remanente total de tesourería supera os 4 millóns. A conta recolle tamén un resultado orzamentario axustado positivo de 1,19 millóns de euros, un resultado económico-patrimonial positivo de 363.789,88 euros e un patrimonio neto municipal de 42,25 millóns.
En canto ao destino dos recursos, en 2025 o Concello destinou máis de 2,7 millóns a inversións reais, mentres que os gastos de persoal superaron os 5,9 millóns e os correntes e en servizos representaron máis de 5,3 millóns. Por áreas, o Goberno local destaca 1,9 millóns para Servizos Sociais, máis dun millón para Educación, 983.000 euros para Cultura e Fiestas, 792.000 para Emprego, 746.000 para Deportes, 400.000 para Promoción Turística e 1,7 millóns para Comercio, Ferias e Mercados.
A alcaldesa, María Barral, afirmou que «detrás de cada cifra hai servizos sociais, educación, emprego, cultura, deporte, apoio ao comercio, promoción turística e investimentos para mellorar os espazos e os equipamentos públicos». Barral tamén defendeu que «a Conta Xeral non é un documento político, é un documento técnico, pero precisamente porque recolle os datos da execución real, permítenos coñecer onde se empregaron os recursos públicos e cales son as áreas nas que este se está a facer un maior esforzo».
A aprobación non estivo exenta de críticas. O PP votou en contra. A súa portavoz, Ceci Vázquez, argumentou que «non podemos avalar unhas contas con preto dun millón de euros en facturas pendentes de pagamento, con 73 reparos de legalidade e cunha situación que obrigou ao Goberno a adoptar medidas correctoras». Os populares tamén cuestionaron a «abstención cómplice» do BNG e dos non adscritos, que segundo o PP se ampararon na «falsa desculpa» do risco de perda de subvencións se non se aprobaba a conta.
Pola súa banda, o BNG, que xunto cos non adscritos optou pola abstención «por responsabilidade cos veciños», foi moi crítico coa xestión económica do Goberno do PSOE. A edil Amelia Sánchez sinalou que «a realidade é que se segue a incorrer nos mesmos defectos que denunciamos desde hai anos». Os nacionalistas engadiron que «esta conta xeral deixa ver a débeda crecente do Concello de Betanzos e como seguen a aumentar os días de pago pendente aos proveedores, ás empresas e aos autónomos betanceiros».
Tanto Amelia Sánchez como Antón Tenreiro consideraron que estes números confirman «unha situación económica preocupante para o conxunto da cidadanía betanceira», pero decidiron apoiar a aprobación porque o contrario complicaría aínda máis a realidade, xa que non se podería optar a subvencións «imprescindibles para o noso concello». Tenreiro engadiu que «inténtase maquillar dalgunha maneira unha situación económica desastrosa e é necesario, de cara ao futuro, cambiar esta dinámica que fai que o Concello de Betanzos continúe estancado».
María Barral cuestionou a actitude das dúas edís conservadoras que rexeitaron as contas. Segundo a alcaldesa, trátase «dun documento técnico e que a súa aprobación é necesaria para completar a súa tramitación e posterior rendición ante o Consello de Contas, tal e como establece a normativa». Ademais, advertiu de que «a non aprobación da Conta Xeral podía poñer en risco o acceso a determinadas axudas da Xunta e da Deputación da Coruña». Para Barral, o voto contrario «non responde a unha discrepancia sobre os datos que recolle a Conta Xeral 2025, senón a unha decisión política de votar en contra do Goberno de Betanzos».
En canto á estabilidade orzamentaria, os informes municipais sinalan un incumprimento do obxectivo de estabilidade, segundo recoñece o propio Goberno local, que o atribúe aos «axustes derivados da metodoloxía de contabilidade nacional e das operacións vinculadas á execución de investimentos, fondos europeos e obrigas devengadas pendentes de aplicación orzamentaria».
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.