Formación e prácticas en empresas para 100 parados de dez concellos
Betanzos lidera por vez primeira un Programa Integrado de Emprego. Durará 12 meses, contará con 230.000 euros da Xunta e combina formación, orientación e prácticas en empresas.
O Concello de Betanzos porá en marcha por primeira vez un Programa Integrado de Emprego, o 2026/27, dirixido a 100 persoas desempregadas. Presentouno a alcaldesa, María Barral. O programa durará 12 meses e está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 230.000 euros.
Betanzos é o concello promotor e conta coa colaboración doutros nove: Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Coirós, Culleredo e Miño. As persoas participantes seleccionaranse coa colaboración das oficinas de emprego.
A quen vai dirixido
O programa está pensado para persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión social ou que cobran a renda de inclusión social de Galicia, para migrantes, para maiores de 52 anos e para menores de 30. Tamén para quen percibe prestacións, subsidios por desemprego ou a renda activa de inserción (RAI), para persoas afectadas por un expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, para mulleres desempregadas e para parados de longa duración. Pode participar ademais calquera outra persoa desempregada que non estea neses grupos.
Que inclúe
As persoas participantes recibirán formación transversal en igualdade entre mulleres e homes, conciliación e corresponsabilidade, intelixencia emocional e técnicas de motivación. Terán tamén formación básica, con preparación da ESA e competencias clave, ferramentas para buscar traballo por conta allea ou para o autoemprego, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista. A iso súmase un taller avanzado de técnicas de entrevista con apoio da intelixencia artificial.
Ademais, poderán seguir itinerarios formativos en hostalaría e turismo, servizos socioculturais e á comunidade, comercio, loxística e distribución, agrario e medio natural, industrias alimentarias e competencias dixitais.
O programa fomentará tamén a capacidade emprendedora e inclúe prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas participantes, obradoiros de mobilidade laboral e prácticas profesionais en empresas da contorna dos concellos participantes, mediante convenios.
O que di a alcaldesa
María Barral subliñou que o programa está orientado á inserción laboral real: «O noso obxectivo non é só formar, senón que as persoas participantes atopen un emprego». Por iso, explicou, combina formación, orientación, prospección empresarial e prácticas nas empresas da contorna.
A alcaldesa agradeceu o traballo do concelleiro de Formación, Ricardo Cheda, e dos seus técnicos, e tamén o apoio da Xunta: «Contar coa colaboración institucional para este tipo de programas é fundamental para poder desenvolver proxectos desta envergadura».
Barral destacou o papel de Betanzos á cabeza do proxecto: «Para nós é un orgullo liderar por primeira vez un programa integrado de emprego e facelo xunto a outros nove concellos». E engadiu que «o emprego non entende de límites municipais» e que traballar en común permite ofrecer máis recursos e oportunidades á xente da comarca.
Elaborado a partir da nota de prensa que remitiu o Concello de Betanzos.
Segue lendo
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.