Do test de Fraga ao 29-N: unha tese dedicada aos betanceiros
Carmen Cotelo, autora de «Betanzos, magic town», defenderá en breve na Universidade Complutense de Madrid unha tese doutoral que confirma que o voto de Betanzos segue reflectindo o de Galicia e o de España, con correlacións por riba de 0,90.
Entrevista a Carmen Cotelo, autora de «Betanzos, magic town», para BetanzosHoxe.
Hai máis de dez anos, Carmen Cotelo e Salvador Naya presentaron en «Betanzos, magic town» a idea de que Betanzos era un espello electoral de Galicia. Aquel traballo non quedou no caixón. O caso de Betanzos é agora o centro dunha tese doutoral que Cotelo defenderá proximamente na Universidade Complutense de Madrid, e a conclusión, di, é clara: a teoría «está absolutamente viva e vixente».
A tese naceu do libro
Seguiron comprobando os resultados electorais de Betanzos? Mantense a semellanza co conxunto de Galicia?
Si. O caso Betanzos magic town é obxecto dunha tese doutoral que defenderei proximamente na Universidade Complutense de Madrid. Foi a partir do libro ao que te refires cando comezou o traballo da tese.
Por riba de 0,90 con Galicia e con España
Analizaron as autonómicas de 2024? Segue Betanzos reproducindo o voto galego?
Si, analizáronse todas as eleccións autonómicas ata a data, e tamén as xerais. Os resultados de Betanzos seguen dando unha correlación moi alta, por riba do 0,90, tanto con Galicia como con España.
Cal das dúas correlacións foi historicamente máis forte?
A de Galicia é un pouquiño máis forte.
Electorado, non demografía
Segue sendo Betanzos representativo da estrutura social e demográfica de Galicia?
Non é representativo de Galicia nin de España. Aquí falamos de electorado e de opcións de voto. Betanzos é un reflexo do voto de Galicia nas autonómicas e de España nas xerais. E vótase distinto en cada convocatoria.
Atoparon outro concello galego con esa mesma capacidade?
O meu traballo centrouse en demostrar o test de Betanzos, que así lle chamaba Fraga en 1983, e, polo de agora, segue vixente.
Un laboratorio para a noite electoral
Poderían os resultados de Betanzos anticipar o voto de España nas xerais do 29-N?
Si, por suposto. Seguramente xa se está a facer algunha enquisa en Betanzos. Haberá que comprobalo cando haxa resultados.
Valerían como indicador temperán da tendencia nacional na noite electoral?
Si, Betanzos é un laboratorio demoscópico co que se pode traballar.
Fixeron algunha análise retrospectiva para medir ata que punto Betanzos anticipa unhas xerais?
Non se fixeron enquisas, senón traballo cualitativo. Houbo grupos de discusión continuos durante 2015 e 2016 e a primeira metade de 2017.
E se tivese que prever as próximas xerais a partir de Betanzos, en que se fixaría?
É imposible utilizar resultados anteriores para prever o que pode vir. As circunstancias son cambiantes.
Unha tese dedicada aos betanceiros
Hai algo daquela investigación que non se contase abondo?
Gustaríame mandar un saúdo especial a todos os betanceiros que participaron nos grupos de discusión hai dez anos e dicirlles que a súa colaboración se verá pronto plasmada na presentación da tese na UCM. Ademais, a tese vai especialmente dedicada a eles, e así o fago constar no traballo.
Segue lendo
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.