Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4 Hoxe abre a inscrición para a Escola de Costas para maiores de 65 (ata o 18 de novembro)

Entrevistas

Gabi Bas, adestrador do Troula Betanzos FS: «Troula FS e canteira son sinónimos»

Gabriel Bas, Gabi, adestra o Troula Betanzos FS desde 2007 e dirixe o equipo sénior, que comezou a tempada con cinco vitorias nas cinco primeiras xornadas da Preferente Futgal. Nesta entrevista para BetanzosHoxe fala da clave do bo inicio, do ascenso a Terceira División e da canteira do club.

· · 4 min

Compartir esta noticia

Gabriel Bas, Gabi, adestrador do Troula Betanzos FS, cunha sudadeira negra e vermella do club, diante do escudo do Troula FS.
Foto: Troula FS

Gabriel Bas, Gabi, é mestre de educación primaria e adestra o Troula Betanzos FS desde 2007, cunha pequena etapa de descanso entre 2013 e 2017. Antes foi xogador de fútbol sala entre 1985 e 1999 e chegou a xogar unha tempada en División de Honra. Hoxe dirixe o equipo sénior, que sumou cinco vitorias nas cinco primeiras xornadas da Preferente Futgal, con 38 goles a favor, e compartía o liderato con O Parrulo B.

Estas son as súas respostas.

Para comezar, quen é vostede? Desde cando adestra o Troula e cal foi a súa traxectoria no fútbol sala?

Chámome Gabi e son mestre de educación primaria. Adestro o Troula desde o ano 2007, cunha pequena etapa de descanso entre 2013 e 2017.

Fun xogador de fútbol sala entre 1985 e 1999 e tiven a sorte de xogar unha tempada en División de Honra.

Cinco vitorias en cinco xornadas, 38 goles a favor e líderes da Preferente Futgal. Agardaba un arranque así? Cal cre que é a clave?

Pois a verdade é que, aínda que tiña moita confianza no grupo que fixemos este ano, non agardaba gozar de cinco vitorias en cinco partidos.

Creo que a clave non se pode atribuír a un só factor senón a varios. O principal, a unión, o clima de familia que reina no equipo e no club. Outro factor importante é o salto de calidade que sufriu o equipo, tanto coas novas incorporacións como co respaldo dos veteranos e o afianzamento dos máis novos.

Compartides o liderato con O Parrulo B. Como ve a liga este ano e que rivais lle parecen os máis duros?

Si, compartimos a parte alta da táboa co Parrulo B, equipo que posúe unha serie de xogadores novos pero con experiencia e traxectoria no fútbol sala.

Considero que, xunto ao Parrulo B, os rivais máis duros poden ser Rábade e Castro. Ademais, como todos os anos, sempre xorden sorpresas, como o está a ser Nauga neste comezo de liga.

Cal é o obxectivo do equipo esta tempada? Pensades no ascenso?

O noso obxectivo para este ano debe ser competir todos os encontros e practicar un fútbol sala que sexa espello para a nosa base. Isto levaranos a poder pelexar por ese ascenso a Terceira División, que creo que é a categoría onde debe afianzarse o equipo sénior.

Como se formou o plantel? Hai caras novas, xente da casa, xogadores que soben do xuvenil?

En primeiro lugar tiñamos claro que desexabamos que continuasen connosco os compoñentes do plantel do ano pasado. A eles sumáronse as incorporacións de Danilo e Mateo, así como o grupo de xuvenís que subiron a sénior. Todos son xente da casa e iso é un plus.

Que tipo de xogo quere ver no seu equipo? Como o definiría en poucas palabras?

O xogo que desexo baséase nunha defensa agresiva en pista contraria e un ataque combinativo con longas posesións onde a pelota circule con velocidade.

O club ten equipos desde prebenxamín ata sénior e un xuvenil en División de Honra. Que papel ten a canteira no primeiro equipo?

Considero que, neste mundo do fútbol sala, Troula FS e canteira son sinónimos. O traballo de xa máis de 30 anos de antigüidade fai que en Galicia sexamos unha referencia de bo traballo de canteira. Aquí «ensínase» a xogar a este deporte.

Como ve o fútbol sala en Betanzos agora mesmo: afección, instalacións, apoio da cidade?

Se me fixase no fútbol sala no verán, no Trofeo San Roque, diría que a súa saúde é pletórica. A realidade, considero que é unha loita e un traballo constante por parte de Luis e Esteban Carro en canto á consecución de patrocinadores, instalacións, material, xestión coas familias…

Os partidos do sénior retransmítense. Que lle diría á xente de Betanzos para animala a ir ao pavillón ou a seguir o equipo?

Pois diríalles que, para os xogadores e para min, saír á pista e ver na bancada douscentas ou trescentas persoas dános un plus de enerxía. Vir vernos e apoiarnos fai que loitemos pola nosa cidade cunha motivación e unha ilusión moi superiores a facelo cun pavillón con cincuenta persoas.

Hai algo máis que queira contar e que non lle preguntásemos?

Pois diríavos que, grazas ao Troula FS e á súa xente, como sempre lles digo, síntome un betanceiro máis, orgulloso de traballar polo noso escudo.

Entrevista a Gabriel Bas (Gabi), adestrador do equipo sénior do Troula Betanzos FS, para BetanzosHoxe.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.