O 100-80 en Marín deixa ao Santo Domingo en prazas de descenso
O Ineltrón Santo Domingo Betanzos arrancou por diante, 4-11, na pista do líder, pero o equipo local chegou ao descanso con oito puntos de vantaxe e rematou con vinte. Os betanceiros quedan cun 1-4.
O Ineltrón Santo Domingo Betanzos perdeu por 100-80 en Marín, na pista do líder, cun equipo que arrastra importantes baixas desde o principio da tempada. Aínda así, saíu a dar a batalla, e a mostra foi o 4-11 do arranque, con dúas triplas en dous intentos de Arón Espiñeira.
Cinco por riba do aro
O equipo local, cos seus cinco xogadores actuando por riba do aro, acabou levando o partido ao seu terreo e facendo gozar á bancada, con cinco mates ao remate do encontro. Foi así malia que no cómputo final do rebote dominaron os visitantes.

Desde fóra, os locais non estiveron tan efectivos, cun 35,29 %, pero si bastante mellor ca os betanceiros, que se quedaron nun 20 %, con seis triplas en todo o partido. Os de Betanzos fixeron todo o posible para que a vantaxe, que era de oito puntos ao descanso (51-43), non pasase dos vinte finais.
Espiñeira, Abelleira e Rozas
Entre as actuacións individuais destacou a do júnior Arón Espiñeira, con 18 puntos e un 3 de 8 en triplas. Abelleira chegou aos 20 e redimiuse así da súa discreta anotación da semana pasada. Rozas achegou 13, nun esforzo multiplicado polas baixas dos interiores betanceiros.
En descenso, pero coa nota en positivo
O resultado deixa aos betanceiros cun 1-4 que xa os sitúa en prazas de descenso. O adestrador, José Amando Pena «Soviético», prefire quedar co positivo: «Bo partido do equipo logrando manter o ritmo de xogo. Mágoa algúns fallos preto do aro á hora de conseguir canastras. Foron superiores a nós en moitas facetas do xogo. Como aspecto positivo, quixera destacar o bo traballo de todo equipo».
A vindeira semana hai ocasión de volver sumar unha vitoria: o domingo 8 de novembro o Fedesa Rosalía visita o José María Valeiro Iglesias «Tocayo».
Elaborado a partir da nota de prensa remitida polo Santo Domingo Betanzos o 1 de novembro de 2026. As fotografías remitiunas o club.
Segue lendo
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.