Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4 Date présa: hoxe remata a inscrición para a matrícula da Escola Municipal de Folclore

Hoxe

Veciñanza de Miño concéntrase para pedir máis prazas no autobús que leva o alumnado a Betanzos

Varias decenas de persoas reuníronse este venres a primeira hora da mañá xunto á parada de Miño. Piden máis autobuses para que os estudantes que van a clase a Betanzos poidan viaxar sentados e non queden na parada.

Redacción · · 4 min

Compartir esta noticia

Persoas concentradas nunha rúa de Miño, vistas de costas, para pedir máis prazas no autobús que leva o alumnado a Betanzos.
Foto: Álvaro García Torres

Aínda era de noite cando varias decenas de persoas comezaron a xuntarse este venres, 25 de setembro, nas inmediacións da parada de taxi de Miño, a carón da parada do autobús que leva cada mañá o alumnado do concello aos institutos de Betanzos. A concentración estaba convocada ás 7:50 e tiña un motivo concreto: que ese autobús teña prazas abondo para todos os estudantes que o necesitan para ir a clase.

Mentres o autobús estaba na parada, os asistentes cruzaron varias veces o paso de peóns situado diante del. Na zona estivo presente un vehículo policial. Despois, o grupo quedou reunido na esquina próxima ata que xa era de día.

Grupo de persoas cruzando un paso de peóns en Miño ao amencer, co autobús detido na parada detrás.
Os asistentes cruzan o paso de peóns diante do autobús, este venres en Miño. Foto: Álvaro García Torres

Viaxar de pé ou quedar na parada

Emilia Boquete Suárez, veciña de Miño, resumiu así a situación a BetanzosHoxe: «Os rapaces van para Betanzos e non teñen autobús». Segundo o seu relato, na parada quedaron, «que eu vise, vinte nenos sen poder ir ao colexio».

O problema, explica, non é que o autobús deixe de pasar, senón que non chega para todos: «Non faltou o bus, falta outro autobús máis. O que necesitamos son máis prazas, porque agora ese autobús vai con nenos que teñen que ir de pé». E pregúntase que pasaría ante calquera imprevisto na estrada: «Se hai unha circunstancia por calquera cousa, unha freada, algo… quen responde por eses nenos que non van nos seus asentos?».

Segundo esta veciña, antes había dous autobuses e agora hai un só, «cando hai máis nenos».

Subir catro paradas antes para ter sitio

Boquete non ten fillos nin netos que usen esta liña —«simplemente vivo aquí e vexo a situación»—, pero si amizades con fillos que a collen cada día. Conta que algún estudante xa sobe «catro paradas antes da súa parada para non quedar en terra».

Quen queda na parada perde a clase, e nalgúns casos queda só: «Moitos nenos teñen os pais traballando. Os pais marcharon para o traballo e eses nenos quedan sen auxilio ningún». Lembrou a súa propia experiencia, cando a súa filla ía de nena «cunha chave ao pescozo» para entrar na casa antes que os pais: «Volvemos aos tempos de atrás? Non, home, non, por favor. Que un neno non quede aí, porque os seus pais están traballando. Que fai ese neno todo o santo día?».

Persoas xunto ao autobús na parada de Miño, a primeira hora da mañá.
Veciñanza xunto ao autobús na parada de Miño. Foto: Álvaro García Torres

Que se pide

A situación, segundo explica, vén xa «do curso pasado», e a reclamación diríxese á Xunta, que é a administración responsable do servizo. Preguntada pola resposta recibida, foi breve: «A resposta vese. Ningunha». Con máis alumnado este curso, di, o problema é maior: «Se o ano pasado xa había problemas con menos alumnos, este ano, que hai máis alumnos, é peor».

A petición concreta é «máis autobuses, máis servizo». E non só para os estudantes: segundo ela, tamén quen quere ir en transporte público á Coruña ou a Betanzos bota en falta frecuencias.

Contexto

A falta de prazas nesta liña xa se fixera pública esta semana. En marzo de 2023 a Xunta reforzou os servizos de autobús entre Miño e Betanzos os xoves pola tarde, cunha ida e unha volta en horarios próximos ás clases de tarde do IES As Mariñas. As incidencias do transporte metropolitano na comarca foron tamén o motivo da reunión de concellos convocada en Betanzos para o 21 de setembro.

BetanzosHoxe non recolleu polo de agora a versión da Xunta sobre as queixas expresadas na concentración.

Compartir esta noticia

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos, e despois lerao unha persoa da redacción.