Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 2 Últimos días para inscribirse en Postos na Feira do Mercado Social: ata o 25 de novembro

Concello

Barral: o bus das 6.50 é «unha mínima parte» do que pide Betanzos

A alcaldesa valora o novo directo á Coruña e a volta das 15.30, pero avisa de que non resolven a maioría das queixas do transporte metropolitano e de que o Concello segue á espera da reunión con Mobilidade.

Redacción · Edición: Álvaro García Torres · · 3 min

Compartir esta noticia

Muller con americana e home con chaleco acolchado azul xunto a unha porta verde durante a entrega de premios.
Arquivo · Foto: Álvaro García Torres · Plaza de la Constitución

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, ve con bos ollos os dous servizos que a Xunta acaba de estrear na liña entre Betanzos e A Coruña, pero lembra que quedan lonxe do que levan meses reclamando o Concello e os demais concellos da comarca. Para Barral, os cambios «non son suficientes» e son «unha mínima parte das melloras esixidas polos usuarios e Concello».

Os novos servizos son un directo que sae de Betanzos ás 6.50, no lugar do autobús das 7.00, e outro de volta desde A Coruña ás 15.30.

Útil para quen entra ás 8.00

A rexedora cualifica de «moi acertado» ter un directo pensado para quen comeza a traballar ás 8.00. Pero insiste en que a medida se queda curta. «Isto está ben, evidentemente, pero que ninguén pense que con isto se acaban os problemas, nin moito menos», afirmou.

Como exemplo, Barral cita o alumnado que entra ás 9.00 na facultade e as persoas con consulta ás 10.00 nun hospital da Coruña, ás que este horario tampouco lles serve de moito. No caso dos estudantes, explica que as familias non queren que estean na Coruña desde primeira hora da mañá.

As demandas pendentes

Segundo o Concello, seguen sen resposta as peticións que se lle trasladaron á Xunta:

  • Máis frecuencias.
  • Solucións para os autobuses saturados, os atrasos e as paradas nas que o bus non chega a pasar.
  • Información clara e accesible para as persoas usuarias, tamén para as que non teñen internet.

O Concello engade que a situación na parada de Alfonso Molina, onde coinciden as liñas da universidade, de Alvedro e de Betanzos, non mellorou desde a súa última comunicación.

A reunión con Mobilidade, aínda sen data

Betanzos segue á espera da reunión específica coa Dirección Xeral de Mobilidade que a directora xeral, Judit Fontela, comprometeu no encontro do 29 de outubro. «Agardamos que ese compromiso se faga realidade canto antes e que se traduza en solucións concretas», sinalou a alcaldesa.

Queixa polo xeito de anunciar o cambio

Barral tamén amosou a súa estrañeza porque os alcaldes non souberon nada do novo horario na reunión con Mobilidade, mentres que, segundo ela, o PP de Betanzos e o de Miño o anunciaron días antes. «Chámame moito a atención que na reunión na que estivemos todos os alcaldes e alcaldesas non se nos informase deste cambio e, sen embargo, o Partido Popular de Betanzos e o de Miño o souberan e o anunciaran o 3 de novembro, unha semana antes de que o resto dos mortais o soubésemos», denunciou.

O PP de Betanzos pedira cambiar o bus das 7.00 por un directo ás 6.50 tras reunirse con Mobilidade.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.