Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4 Date présa: hoxe remata a inscrición para a matrícula da Escola Municipal de Folclore

Comercio

O mercado de Betanzos reabre a pleno rendemento tras a reforma integral

O mercado municipal de Betanzos xa funciona a pleno rendemento despois dunha intervención que recuperou as tres plantas. Os postos de hostalería e as terrazas xa están en marcha.

Redacción · · 3 min

Compartir esta noticia

Fachada branca de mercado con fiestras en arco de marco verde, baixo o rótulo MERCADO e a inscrición MCMLI no remate.
Arquivo · Foto: Álvaro García Torres · Rúa Travesa

O mercado de abastos de Betanzos xa está a funcionar a pleno rendemento. Faino despois dunha intervención que recuperou por completo as tres plantas do edificio, cun deseño dos estudos Irisarri-Piñera e Sabín Blanco Arquitectos. A reforma introduciu melloras para aproveitar ao máximo a luz e para facer o espazo máis accesible.

Os betanceiros viñan reclamando hai tempo unha posta a punto para o seu mercado tradicional. A expectación por saber como quedaría era total desde que no ano 2023 os vendedores foron trasladados ao comezo das obras. Tratouse dun dos proxectos estratéxicos máis importantes para recuperar o casco histórico e para impulsar a actividade económica e comercial da zona.

O resultado é un mercado con locais de hostalería variados: cafeterías, restaurantes, panadería, vermutería, un stand de embutidos e mesmo unha churrería que vai abrir. Ademais, conta con dúas terrazas e un ambiente que convida a dar unha volta ou a gozar da gastronomía nun espazo renovado. A configuración arquitectónica orixinal foi recuperada e puxéronse en valor as súas mellores características, servindo de punto de encontro entre as zonas comerciais e de disfrute.

Patricia Roel é unha das emprendedoras que se lanzou a montar negocio neste mercado municipal. Leva pouco tempo instalada no seu posto, desde xullo, como a maioría, e está encantada. É a responsable da vermutería Lume, onde ofrece vermú, gildas clásicas e orixinais, e conservas de calidade.

A empresaria explica que foi a idea de facer «algo novedoso» o que a levou a iniciarse nesta andadura. Pero tamén tivo algo de sentimental: «Mi abuela estuvo media vida trabajando en este mercado como pescadera, hay algo de eso que también me hizo decidirme», conta.

Considera que este mercado era exactamente o que necesitaba un pobo como Betanzos, que xa de por si ten dinamismo e unha vida moi activa. «A mí me encanta, cuando voy de viaje, ir de turismo por mercados y descubrir productos nuevos, y eso es exactamente lo que veo que está haciendo la gente aquí». Refírese a que ademais dos betanceiros visitan o mercado viaxeiros, pero habitualmente atópase con moitos veciños de concellos próximos.

Sobre animar a outros emprendedores a montar negocios neste tipo de propostas, Patricia é sincera: «Sí que es cierto que los puestos son más económicos que si los montas a pie de calle, pero también es cierto que tuvimos que partir de cero con el montaje porque estaban sin nada, y en cierto modo también se corren más riesgos porque dependes del tráfico de gente que atraiga el mercado. Yo estoy muy contenta, pero soy consciente de dónde me he metido».

O casco histórico de Betanzos atrae a diario a veciños e turistas ás súas rúas, tendas locais e restaurantes. A posta a punto do mercado responde a esa demanda veciñal, despois de ver o éxito que teñen estas prazas noutras cidades de España e de Europa.

Compartir esta noticia

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos, e despois lerao unha persoa da redacción.