Betanzos HB, Pyme do Ano da provincia da Coruña: «O hardboard é pura madeira»
A fábrica de taboleiros Tablex recibiu o 10 de setembro en Santiago o Premio Pyme do Ano da provincia da Coruña. O seu director de planta, José Manuel Vilasuso Pita, responde a sete preguntas de BetanzosHoxe sobre o premio, a caldeira de biomasa, o emprego na comarca e os próximos pasos da empresa.
Actualizado o
Betanzos HB, a empresa que fabrica en Betanzos os taboleiros de fibra de madeira Tablex, recibiu o xoves 10 de setembro o Premio Pyme do Ano da provincia da Coruña nun acto na Cámara de Comercio de Santiago no que estivo o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Recolleu o galardón José Manuel Vilasuso Pita, director de planta da compañía.
BetanzosHoxe preguntoulle á empresa que supón o premio, que se fai dentro da fábrica pola que tantos veciños pasan a diario e que ten previsto para os próximos meses. Estas son as respostas de Vilasuso.
Que supón este premio para a empresa e para o persoal?
«Este recoñecemento representa unha satisfacción e unha alegría polo recoñecemento ao traballo ben feito durante moitos anos, nos que puxemos moita dedicación, esforzo e perseveranza. É unha motivación para continuar traballando con compromiso e excelencia.»
Moitos veciños pasan a diario por diante da fábrica sen saber que se fai dentro. Que é o hardboard Tablex e para que se usa?
«O hardboard é pura madeira. É un taboleiro de fibras 100 % natural, que se caracteriza por ter unha cara lisa e outra rugosa e que se fabrica unicamente con auga e madeira. A diferenza de calquera outro tipo de taboleiro do mercado, non contén adhesivos artificiais, xa que utilizamos a lignina, un material orgánico presente na madeira con propiedades termoplásticas, como adhesivo natural do produto.»

«Ten unhas excelentes propiedades mecánicas, como a súa alta densidade, a resistencia mecánica e a durabilidade, e é 100 % biodegradable. Ten múltiples usos: os nosos clientes son fabricantes de mobles, de portas e de camas; emprégase na construción para chans, teitos ou paredes, como separador na industria do vidro, no sector do automóbil, para fondos de caixas de froita… E están repartidos por todo o mundo.»
A planta substituíu as súas tres caldeiras de vapor por unha unidade de biomasa. Que cambiou con ela?
«A nova caldeira permítenos aforrar case un 50 % de consumo de biomasa ao ser moito máis eficiente, o que repercute en menos emisións ao medio ambiente, xa que ao queimar menos biomasa emítense menos gases. Ademais, dispón dun sistema de filtración que garantirá estar por debaixo dos límites permitidos durante moitos anos.»

Cantas persoas traballan hoxe en Betanzos HB e canto persoal é da comarca?
«A día de hoxe somos 115 persoas no cadro de persoal de BHB, ás que hai que sumar outras 15 que colaboran a diario connosco, sen ter en conta todo o emprego indirecto que xera nos nosos provedores de madeira e biomasa de proximidade, que poden representar máis de 200 persoas. Practicamente todo o persoal é da comarca de Betanzos e arredores.»

Cales son os vosos principais mercados?
«O noso mercado non está concentrado en ningún país en concreto: traballamos para mercados moi diversos desde hai moitos anos, como Norteamérica, Centroamérica, o norte de África, Sudáfrica ou Australia, e seguimos expandindo os nosos mercados.»

Que próximos pasos tedes previstos?
«Estamos rematando unha ampliación de 4.000 m² para un novo almacén, que incorpora melloras e novas liñas de acabados de taboleiro que implicarán novas incorporacións. Tamén está previsto poñer en marcha nos próximos meses unha planta fotovoltaica de 4 MW para axudarnos a ser máis sostibles enerxeticamente.»

Hai algo da empresa que vos gustaría que coñecesen os veciños de Betanzos?
«Queremos que os veciños nos coñezan e nos poidan formular as súas dúbidas, polo que temos previsto organizar unhas xornadas de portas abertas para poder presentarlles a nosa empresa e como fabricamos o noso hardboard.»
Entrevista a José Manuel Vilasuso Pita, director de planta de Betanzos HB, para BetanzosHoxe.
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.