«Tiveron sorte: puido pasar unha desgraza moi grande»: unha veciña conta como viviu a persecución da avenida García Naveira
Nicole, dona dunha floraría no centro de Betanzos, estaba ao teléfono coa súa filla cando o coche perseguido quedou encaixado na beirarrúa. Este venres pola mañá, un camión grúa do Concello traballaba para endereitar a farola danada no impacto.
A persecución policial que o xoves pola noite rematou con tres persoas detidas na avenida de Jesús García Naveira tivo testemuñas a poucos metros. Unha delas foi Nicole, dona dunha floraría no centro de Betanzos. Pasadas as nove da noite estaba, conta, «xusto onde empezou todo»: na cafetaría Segundo, nunha praciña que queda un pouco máis alta que a avenida e á que se accede por unha rampla e unhas escaleiras, á altura do número 8.
Estaba dentro da cafetaría, pero saíu fóra para falar coa súa filla, «que sempre me chama cando sae de traballar». «Estaba así falando con ela por teléfono e nisto vexo que vén un coche así azul mariño, que se cruza, e un coche que viña da zona da gasolineira, ao ver que se cruza, xa dá marcha atrás. Vexo que se cruza outro, e entón xa lle digo á miña filla: “Ostras, creo que estou vendo unha redada”», relata.
«Eles intentaron escapar pola beirarrúa, quedaron alí encaixados e, nada, detivéronos. Ese foi máis ou menos o resumo de todo», resume.
«Escoitamos como disparos»
Durante a noite correu polas redes que houbera disparos. Nicole cre que si: «Eu creo que si que o houbo», di. Nese momento xa volvera á cafetaría: «Pechamos a porta, porque viña unha parella cun can, e si, nós escoitamos como disparos. Eles en ningún momento sacaron armas, pero eu creo que a policía si».
Aínda así, ela mesma admite que o que oíu podería non ser un disparo, senón o coche chocando contra os pivotes da beirarrúa: «Tampouco sei se foi realmente o ruído dos pivotes caendo, que non o sei. Porque, xa sabes, ao final póñeste nervioso».
O Concello de Betanzos asegurou esa mesma noite que non se produciu ningún tiroteo nin houbo danos a persoas. E, segundo fontes da Policía Nacional, ninguén usou armas de fogo, aínda que algunhas testemuñas aseguran que si houbo disparos.
Cando viu o que pasaba, non se achegou: «Escapei, a verdade é que escapei. Metémonos na cafetaría coa porta pechada».
«O factor sorte púxose do seu lado»
A actuación policial, di, pareceulle «normal». O que lle preocupa é onde ocorreu: «Pola hora que era e polo sitio onde foi, nunha avenida, en pleno centro de Betanzos, tiveron sorte. O factor sorte púxose do seu lado, porque pasaría unha desgraza moi grande se nese momento pasa alguén pola beirarrúa».
Se algo lle pareceu un pouco desmesurado, explica, foi por iso: «Porque ao final non sabes como vai reaccionar esta xente. Reaccionou así, grazas a Deus non pasou nada, pero puido pasar».
Unha das tres persoas detidas era unha muller embarazada. Nicole viuna de costas —«unha rapaza así de melena negra»— e decatouse de que estaba embarazada cando a subiron a unha ambulancia.
De onde eran, non o sabe con certeza, pero a ela pareceulle que non eran españois: «Non che podo asegurar se eran españois ou non. Eu creo que non o eran».
Unha banda seguida desde Madrid
Segundo fontes da Policía Nacional, os detidos formaban parte dunha banda á que se seguía desde Madrid, que xa actuara antes en Ourense e que empregaba o chamado método da «siembra» para roubar en pisos baleiros. O sistema consiste en abordar a alguén no aparcamento dun centro comercial mentres mete a compra no coche, pedirlle axuda e, nun descoido, roubarlle o bolso.
A policía puido seguilos porque tiña localizado un iPhone que lle serviu de rastrexador. Cando lles deron o alto, non pararon, e a persecución desde a Coruña rematou en Betanzos.
A avenida, este venres
Este venres, ás once da mañá, a Policía Local regulaba o tráfico na avenida mentres un camión grúa do Concello traballaba xunto ao paso de peóns. Segundo explicou un axente, a grúa estaba alí para endereitar a farola, e o sinal do paso de peóns colocarase en breve: as dúas resultaron danadas co impacto do coche.

Declaracións de Nicole, dona dunha floraría no centro de Betanzos, a BetanzosHoxe.
Comentarios
Esta noticia non ten comentarios.
Os comentarios desta noticia están pechados.