Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4

Sucesos

Crime organizado: a xuíza de Betanzos envía a prisión a oito detidos

Os oito están investigados por un delito contra a saúde pública e por pertenza a organización criminal. A operación, conxunta da Garda Civil, a Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, segue aberta e baixo secreto de sumario.

· · 2 min

Compartir esta noticia

Fachada do Tribunal de Instancia de Betanzos: escalinata de granito, porta de entrada aberta, as bandeiras de España e de Galicia e o cartel da Xunta co nome do tribunal. Vista de fronte.
Foto: BetanzosHoxe

A xuíza da praza 3 do Tribunal de Instancia de Betanzos decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, dos cinco detidos que pasaron a disposición xudicial este xoves, 29 de outubro. Outros tres arrestados dentro da mesma causa pasaran a disposición xudicial o domingo, e a xuíza ordenou tamén o seu ingreso en prisión.

Os delitos que se investigan

Os oito están investigados por un delito contra a saúde pública, de substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia, e por pertenza a organización criminal.

A maiores, dous dos que pasaron a disposición o xoves están investigados por tenza ilícita de armas. Un terceiro, que tamén pasou ese día, está investigado por revelación de segredos e acceso ilícito a información reservada.

Unha operación aínda aberta

A Garda Civil sinala que se trata dunha operación contra o crime organizado, desenvolvida en varias localidades da provincia de forma conxunta coa Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira. Segue aberta e baixo secreto de sumario.

A información facilitada non concreta as localidades nin se algún dos feitos ou dos detidos é de Betanzos ou da súa comarca.

Noutros medios publicouse que entre os detidos hai un membro das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que a causa é por tráfico de drogas e que houbo rexistros en varios domicilios, algúns en Narón. BetanzosHoxe preguntou ao TSXG pola causa, e a información que facilitaron este tribunal e a Garda Civil non confirma eses datos polo momento.

Elaborado a partir da información facilitada pola Oficina de Comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e pola Garda Civil.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Esta noticia non ten comentarios.

Os comentarios desta noticia están pechados.