Piscinas de O Carregal: o pleno vota a concesión por 25 anos
O pleno do martes 29 votará o estudo de viabilidade que abre a porta a licitar o complexo deportivo, en funcionamento desde 1991. A empresa que o xestione investiría 1,7 millóns ao comezo e o Concello achegaría 113.000 euros ao ano. O BNG, socio de investidura, anuncia o seu voto en contra.
O goberno local de Betanzos levará ao pleno do martes 29 de setembro a aprobación definitiva do estudo de viabilidade para sacar a concesión o complexo deportivo municipal de O Carregal, que inclúe a piscina cuberta climatizada, a piscina exterior de verán e os espazos deportivos asociados. É o paso previo e obrigatorio para poder licitar despois o contrato.
O estudo propón unha concesión de 25 anos, un prazo que vincula ao volume de investimento que tería que asumir a empresa adxudicataria para modernizar as instalacións e amortizalo durante a explotación.
Que se investiría
A proposta prevé unha inversión inicial de 1.731.936 euros, á que se sumarían reinversións ao longo do contrato ata un total de 2.475.122 euros, en ambos casos sen IVE.
Ese diñeiro destinaríase a unha remodelación interior de máis de 1.300 metros cadrados, con obras nos vestiarios, nas salas de fitness e musculación, nas salas de actividades, na sala de bicicleta, na de cardio e nas zonas de acceso e circulación. Tamén se renovaría o equipamento deportivo, o mobiliario, os sistemas informáticos e as ferramentas de xestión do centro.
«Queremos dar un paso adiante para que Betanzos teña unha piscina e un complexo deportivo á altura das necesidades actuais da cidadanía. As instalacións levan funcionando desde 1991 e necesitan unha actualización importante. O modelo que estamos propoñendo permite afrontar esa transformación e mellorar o servizo», defende a alcaldesa, María Barral.
Quen paga que
Segundo o modelo proposto, a concesionaria asumiría a xestión ordinaria do servizo e os custos de explotación, incluído o persoal, que o propio estudo sinala como a partida principal. O Concello faría unha achega anual de 113.000 euros máis IVE para garantir a viabilidade económica do servizo nas condicións previstas.
O estudo foi redactado pola consultora Brular Gestión, que se inclina por este sistema fronte á xestión directa por parte do Concello.
Os reparos de Intervención
O informe da Intervención municipal considera a proposta fundamentada en liñas xerais, pero pon dúas obxeccións. A primeira, que a achega de 113.000 euros se calculou cos datos actuais da explotación, sen ter en conta a suba de tarifas que tamén se prevé. A segunda, que o estudo deixa fóra os consumos de auga e de enerxía: se os asume o Concello, advirte, redúcese o risco da explotación que a lei obriga a trasladar ao concesionario, máis aínda cuns prezos da enerxía tan cambiantes.
O goberno local discrepa na súa proposta. Sostén que a achega municipal serve para «garantir a accesibilidade e o mantemento dos prezos públicos», e que a subministración eléctrica vai polos contratos centrais do Concello por «criterios de economía de escala e optimización». E argumenta que o risco segue estando no concesionario: «Os costes laborais representan máis do 85% do gasto operativo ordinario e será asumido integramente polo concesionario», polo que, conclúe, a exposición ao mercado é «real, substancial e suficiente». Lembra ademais que o contrato non garante á empresa ningún ingreso mínimo nin un número mínimo de abonados.
O BNG vota en contra
A proposta non terá o apoio do BNG, socio de investidura do goberno socialista. A súa voceira, Amelia Sánchez, rexeita o que considera unha «privatización durante 25 anos» do complexo: «Para nós é unha liña vermella». A concelleira lembra que un dos acordos do pacto de investidura era avanzar cara á xestión directa do servizo.
Que vén despois
Se o pleno aproba o estudo, o documento enviarase á Oficina Nacional de Avaliación (ONE), que ten que emitir un informe preceptivo sobre a sostibilidade financeira da concesión. Só despois de completar ese trámite se poderá convocar a licitación do contrato.
O complexo de O Carregal, con piscina, ximnasio e pavillón, xa cambiou de empresa xestora en 2022, e a piscina exterior volveu abrir no verán de 2023 despois de tres anos pechada.
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.