Claudio Corbillón, adestrador do Betanzos CF: «O ascenso é un obxectivo do club, da plantilla e tamén meu»
Naceu en Vigo, retirouse como xogador aos 25 anos e leva desde entón nos banquillos do fútbol coruñés. Chegou ao Betanzos en outubro de 2024, co equipo último en Terceira Federación, e a tempada pasada quedou segundo en Preferente. Nesta entrevista para BetanzosHoxe fala do playoff perdido, da plantilla que el mesmo armou e do que lle pide á afición.
Claudio Corbillón Sánchez naceu en Vigo e empezou a adestrar con 20 anos, cando aínda era xogador. Retirouse aos 25, despois de pasar polo Rápido de Bouzas e o Gran Peña, e desde entón leva feito todo o camiño no fútbol coruñés: as categorías de formación e o sénior do Calasanz, o Boimorto —co que ascendeu a Preferente como campión—, tres tempadas no San Tirso e unha no Victoria.
Chegou ao Betanzos CF en outubro de 2024, co equipo último en Terceira Federación e a un descenso que xa case non tiña volta. Quedou. A tempada pasada o equipo rematou segundo do grupo Norte de Preferente, con 68 puntos, 22 goles encaixados e dez vitorias seguidas no tramo final, e caeu no playoff contra o Antela. O club renovouno e deixoulle armar a plantilla.
Estas son as súas respostas.
Empezou moi novo nos banquillos. Como foi ese camiño desde Vigo ata aquí?
Empecei a adestrar con 20 anos, cando aínda era xogador en Vigo. Arrastraba problemas físicos e xa intuía que a miña etapa como futbolista non sería moi longa, mentres que o interese por adestrar tíñao desde pequeno. Acabei retirándome aos 25 anos, despois de xogar no Rápido de Bouzas e no Gran Peña, tanto en Preferente como en Terceira.
Comecei con equipos de base no Rápido de Bouzas e, ao trasladarme á Coruña, Manolo Losada deume a oportunidade de adestrar no Calasanz. Alí pasei por todas as categorías de formación ata facerme cargo do equipo sénior, co que estiven catro tempadas, pelexamos polo ascenso e chegamos a dúas finais da Copa Coruña.
Despois chegou o Boimorto. No meu segundo ano ascendemos a Preferente como campións, gañando todos os partidos na casa, e no terceiro logramos a permanencia. Máis tarde pasei tres tempadas no San Tirso, onde estabilizamos o equipo en Preferente e gañamos a Copa Coruña. É un club que considero un exemplo de proxecto a longo prazo. Finalmente adestrei unha tempada ao Victoria, co que conseguimos a permanencia e tamén gañamos a Copa Coruña.
Chegou ao Betanzos co equipo último e aquel curso rematou en descenso. Que aprendeu daquela etapa e que o fixo quedar?
Cheguei con moita ilusión e coa intención de reverter a situación, pero axiña vimos que a plantilla necesitaba reforzos e un maior equilibrio entre liñas. Non conseguimos incorporar xogadores no inverno e a permanencia volveuse practicamente imposible.
Aínda así, o equipo competiu, deu a cara e logrou puntuar en campos complicados. Cando o descenso xa estaba decidido, o noso obxectivo foi manter a seriedade e competir ata o final, e os xogadores fixérono.
Aquela etapa reafirmoume en que, nunha categoría tan esixente, tanto o adestrador como o club deben ter as ideas moi claras e acertar nas decisións. Decidín continuar porque buscaba a posibilidade de construír un proxecto a longo prazo. A tempada seguinte puidemos empezar desde cero e tiven capacidade de decisión na confección da plantilla.
A tempada pasada foron de menos a máis, con dez vitorias seguidas no tramo final. Cal foi a clave da segunda volta?
Partiamos cun equipo practicamente novo, aínda que conseguimos ensamblar as pezas con bastante rapidez. Durante a primeira volta xogabamos mellor do que reflectían os resultados: penalizábannos moito as poucas ocasións que concediamos e tamén a falta de gol.
Na segunda volta demos continuidade ao traballo, pero reforzamos especialmente o aspecto defensivo. Conseguimos que esas poucas ocasións do rival deixasen de converterse en goles e volvémonos moito máis sólidos. Aínda que non eramos un equipo especialmente goleador, empezamos a sacar os partidos adiante, remontamos posicións e chegamos ao playoff nun gran momento.
A eliminatoria contra o Antela deixounos sen ascenso. Con uns meses de distancia, que lectura fai daquel playoff?
Creo que nos prexudicou a semana de parón despois de rematar a liga. Viñamos nunha dinámica moi boa e, quizais porque sentiamos que o traballo xa estaba feito, desconectámonos un pouco.
Atopámonos cun rival de moito nivel, que nos estudara moi ben e soubo neutralizarnos. Sufrimos na primeira parte e non logramos impoñer o noso xogo. Na segunda fomos superiores e tivemos ocasións para marcar co 2-0, pero nunha contra chegou o terceiro e a eliminatoria quedou practicamente sentenciada.
Foi unha lección importante: neste nivel, se baixas a intensidade ou te desconectas, aínda que sexa durante pouco tempo, competir vólvese moi difícil.
O club renovouno e anunciou que podería facer a plantilla ao seu gusto. Como quedou o equipo?
A idea principal era manter boa parte do bloque, porque estabamos satisfeitos coa tempada anterior e considerabamos que a plantilla era equilibrada. A partir de aí incorporamos perfís concretos nas posicións que necesitabamos reforzar.
Álex Montero, procedente do Silva, pode xogar como seis ou como oito e apórtanos bo trato de balón e chegada. Iker Castro, do Arteixo, ofrece desequilibrio por fóra, pero tamén pode xogar por dentro e asociarse entre liñas. Juan de Dora, que chega do Atlético Coruña Montañeros e xa coñece o club, debe axudarnos a mellorar a nosa capacidade goleadora.
Tamén promocionaron xogadores da base como Vicente, Marcos López, Rilo e Pablo Gilsanz. Raúl xa formara parte do primeiro equipo a tempada pasada.
Temos unha plantilla curta, pero moi versátil e con practicamente todas as posicións dobradas. Creo que é un equipo máis competitivo e con máis variantes ofensivas, preparado para pelexar na parte alta.

Como valora a pretempada e o arranque de liga?
Durante a pretempada incidimos especialmente no aspecto físico, porque a nosa maneira de xogar esixe un equipo intenso e agresivo. O traballo foi satisfactorio, apenas tivemos lesións e fomos evolucionando semana a semana, pese ás ausencias habituais destas datas.
No debut contra o Puebla enfrontámonos a un rival moi organizado e forte nos duelos. Faltounos algo de precisión e frescura, aínda que tivemos ocasións para gañar. Contra o Sigüeiro cometemos un erro defensivo que nos custou o gol, pero despois xogamos durante moitos minutos en campo contrario, xeramos ocasións e acabamos empatando pasado o minuto 90.
Os dous puntos en dúas xornadas saben a pouco, pero o equipo está a ofrecer unha boa imaxe e aínda ten marxe de mellora.
Cal é o obxectivo este ano? O ascenso é unha obriga?
Non o escondemos: o ascenso é un obxectivo do club, da plantilla e tamén meu. Non o definiría como unha obriga, porque ascender é moi difícil e deben darse moitas circunstancias, pero si é a nosa pretensión.
O Betanzos é historicamente un club de Terceira División e cremos que esa é a categoría que lle corresponde. Traballaremos semana a semana para chegar ao final de tempada en condicións de conseguilo.
Para o veciño que non vai habitualmente ao campo: a que xoga o seu Betanzos?
Queremos ser un equipo intenso, agresivo, ordenado e solidario no esforzo, coas ideas claras tanto para defender como para atacar. A organización defensiva é unha prioridade, pero tamén traballamos para saber atacar de distintas maneiras.
Non se pode xogar igual contra un rival que presiona que contra outro que che permite ter o balón. A capacidade para adaptarnos ao oponente e a cada momento do partido é fundamental. O obxectivo de cada semana é chegar ao domingo sendo un equipo competitivo, difícil de superar e con claridade en ataque.
Que rivais ve máis fortes no grupo?
O Negreira e o San Tirso son dous dos rivais máis claros. O Negreira é outro club histórico de Terceira, vén de facer unha gran tempada e conta con estrutura e plantilla para regresar a esa categoría. O San Tirso mantén a columna vertebral dos últimos anos, leva dúas fases de ascenso consecutivas e será un rival moi duro.
Tamén hai equipos ben reforzados, como o Puebla, o Pol ou o Sigüeiro. A categoría está moi igualada e seguramente aparecerá algunha sorpresa. As rachas e os pequenos detalles, moitos deles difíciles de controlar, acabarán marcando as diferenzas.
Que papel ten a cantera no seu proxecto?
Unha parte moi importante do proxecto apóiase en xogadores de Betanzos. Ademais dos capitáns —Carneiro, Ángel, Martín da Lama, Martín Lago e Manu Barbeito—, contamos con futbolistas da zona e con varios xuvenís que promocionaron.
Raúl Pita xa formou parte do primeiro equipo sendo xuvenil, e agora súmanse Vicente, Pablo Gilsanz, Rilo e Marcos López. Ter xogadores novos, da casa, comprometidos e con nivel achega estabilidade ao proxecto e evita ter que reconstruír a plantilla cada tempada. É un logro importante do club e unha base sobre a que seguir crecendo.

En Preferente case ninguén vive do fútbol. Como se leva un vestiario así?
Aínda que non vivamos do fútbol, debemos afrontalo da maneira máis profesional posible. Para que un proxecto funcione necesitas persoas comprometidas, disciplinadas, traballadoras e capaces de antepoñer o colectivo.
Tamén é importante contar cunhas normas internas que axuden a manter ese compromiso diario. O fútbol modesto esixe moito: adestramentos pola tarde, desprazamentos moitos deles longos, invernos duros, tempo investido. Isto só compensa se hai paixón no que fas. Sen disciplina nin capacidade para traballar en equipo sería imposible manter ese esforzo e compromiso durante toda a tempada.
Que necesita o club para dar o salto e consolidarse nunha categoría superior?
No que a min respecta, considero que como corpo técnico dispoñemos das condicións óptimas en canto a instalacións e medios de adestramento para competir mesmo nunha categoría superior. No que respecta ao club e ao resto de situacións do ámbito social, son outras persoas as que deben valoralo.

Como sente o respaldo da afección? Que lle pediría á xente de Betanzos?
Cando era neno ía ver partidos de Terceira División cos campos cheos e aquilo impresionábame. Hoxe existe moita máis competencia e ese seguimento perdeuse en parte, aínda que algúns clubs seguen conservando unha afección moi fiel.
Á xente de Betanzos pediríalle que acudise ao campo e animase o equipo. Nós debemos conseguir que se sintan orgullosos e que, cando veñan, teñan ganas de volver. Unha afección identificada co seu equipo e presente no campo pode achegar moitos puntos ao longo dunha tempada.
E en persoal, onde lle gustaría verse dentro duns anos?
Prefiro ir día a día. As tempadas son longas e desgastan moito, así que intento vivir e desfrutar o proceso.
Sempre considerei a Terceira División como a categoría na que empeza realmente o fútbol. Seguíaa desde pequeno, xoguei nela e tamén tiven a oportunidade de adestrar o Betanzos alí. O meu obxectivo a curto prazo é regresar a Terceira con este club. A partir de aí, xa veremos.
Unha mensaxe para os lectores e para a afección brigantina.
Sería unha ilusión ver o García Hermanos cheo, con todo o mundo remando na mesma dirección para devolver o Betanzos a Terceira División. Pediríalle á afección que estea connosco tanto nos bos como nos malos momentos, porque será moi difícil e necesitaremos o apoio de todos.
Tamén agradezo que existan plataformas que dean visibilidade ao fútbol modesto e permitan coñecer as persoas que formamos parte del. Oxalá houbese máis iniciativas como BetanzosHoxe. Moitas grazas por contar comigo para esta entrevista.

Entrevista a Claudio Corbillón Sánchez, adestrador do Betanzos CF, para BetanzosHoxe.
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.