Jorge Río gaña por terceira vez a Mellor Tortilla Caseira da Semana da Tortilla de Betanzos
Pablo Tomé Crespo quedou segundo e Inés Muller Guevara, terceira, nunha edición con trece participantes, a de máis participación. Mañá é a quenda dos locais de hostalaría.
Jorge Río Cortés gañou este sábado, por terceira vez, o premio á Mellor Tortilla Caseira que se outorga durante a Semana da Tortilla de Betanzos. Presentáronse trece participantes, a edición que contou con máis participación.
O xurado, presidido por Pepa Miranda, de Casa Miranda, varias veces gañadora da mellor tortilla de Betanzos e que este ano anunciou a súa retirada, e no que estaban representantes de ACEBE, da Reserva da Biosfera e de Lar de Unta, elixiu a tortilla de Jorge Río por diante da de Pablo Tomé Crespo, que quedou en segunda posición, e da de Inés Muller Guevara, que quedou terceira. Os membros do xurado destacaron o nivel das tortillas presentadas este ano e a dificultade á hora de escoller as tres mellores.
O concurso seguiuno numeroso público, que encheu o salón azul do edificio Liceo e desfrutou dunha final moi igualada. O gañador recibiu un trofeo conmemorativo e un lote de produtos do patrocinador, Aceites Abril, e do Concello. Para o segundo e o terceiro premio tamén houbo lotes de produtos do patrocinador e do Concello.

Mañá, a final dos locais
A Semana da Tortilla remata mañá, domingo, coa final ás 12:00, por primeira vez no Mercado Municipal do casco histórico. Cinco locais de hostalaría xóganse o premio á mellor tortilla deste ano: Adega Lastras, Mesón Café de Segundo, Restaurante Casanova, Mesón Avenida e Bar O Rabel. Os seus responsables contan como fan a súa tortilla nesta reportaxe, e toda a información da final está na peza da axenda.
Fonte: nota de prensa do Concello de Betanzos do 17 de outubro de 2026. Fotos: Concello de Betanzos.
Segue lendo
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.