O Concello de Betanzos cubrirá os nichos do polígono 2 do cemiterio para acabar coas filtracións
As obras, cun orzamento de 169.780,69 euros e seis meses de prazo, comezan nos vindeiros días e poñerán unha cuberta de tella sobre os 17 bloques de nichos, que hoxe rematan nunha placa de formigón ao aire.
O Concello de Betanzos comezará nos vindeiros días as obras de mellora das cubertas dos nichos do polígono 2 do cemiterio municipal. A intervención busca acabar coas filtracións de auga e reducir as humidades e condensacións que afectan a estas sepulturas. O proxecto, redactado polos servizos técnicos municipais, ten un orzamento de 169.780,69 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de seis meses.
Unha placa de formigón ao aire
Esta parte do cemiterio ten 17 bloques de nichos, con catro filas cada un. Segundo explica o Concello, as súas cubertas rematan hoxe nunha placa de formigón sen ningunha protección. Moitas teñen vexetación por riba e algunhas, gretas que deixan pasar a auga ao interior dos nichos.
Non é un problema novo. Hai uns anos xa se cubriu algún destes bloques, precisamente porque lle entraba auga. Segundo o goberno local, aquela solución deu bos resultados, e é a mesma que agora se estende a todo o polígono.
Que se vai facer
Os traballos empezarán pola limpeza da placa existente, coa retirada da vexetación, os cascallos e o resto de residuos. Despois executarase enriba unha cuberta multicapa con dous elementos principais: placas onduladas de fibrocemento sen amianto, que impermeabilizan, e tella cerámica curva de cor vermella como acabado.
En total serán preto de 1.534 metros cadrados de cuberta. Tamén se farán os remates laterais, as cumieiras e os encontros coas paredes verticais, estes con pintura impermeable e chapa de aluminio da cor da tella.
O sistema é unha cuberta ventilada e montada en seco, sen morteiro, o que deixa circular o aire entre as capas e axuda a controlar a humidade. Segundo o Concello, ademais dura moito e necesita pouco mantemento. Cando remate esta fase, o goberno local quere programar outra semellante noutras zonas do cemiterio.
Outros traballos no recinto
A obra súmase ás que o Concello fai periodicamente no cemiterio con partidas propias do orzamento. Entre elas cita o arranxo dos camiños interiores, coa reparación de fochancas e a eliminación de barreiras, e a xardinaría, coa poda e o perfilado dos teixos cilíndricos centenarios que caracterizan o recinto, a rozada e a limpeza con hidrolimpadoras. Tamén se puxo ao día a sinalización interior e se melloraron as redes de auga e a recollida de residuos.
Información elaborada a partir dunha nota de prensa do Concello de Betanzos.
Segue lendo
- O telón de Camilo Díaz Baliño do Alfonsetti, coas sinaturas dos artistas no reverso, será restaurado
- O goberno de Betanzos desestima os recursos do PP contra o control de tráfico no casco histórico
- A zona de acceso restrinxido ao casco de Betanzos, aprobada definitivamente: multas desde o 1 de xaneiro
Comentarios
Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.