Ir ao contido

Betanzos e a comarca

BetanzosHoxe

Castellano
Inscricións hoxe 4 Hoxe abre a inscrición para a Escola de Costas para maiores de 65 (ata o 18 de novembro)

Concello

Betanzos levará ao pleno o vindeiro martes o plan de acción da Axenda Urbana 2030

O goberno local presentou o documento que, segundo o Concello, definirá o modelo de cidade para os vindeiros anos. Recolle dez obxectivos, proxectos en vivenda, mobilidade, enerxía ou rexeneración urbana e dez mesas sectoriais para o seu seguimento.

Redacción · Edición: Álvaro García Torres · · 5 min

Compartir esta noticia

Placa de piedra con la inscripción CASA DO CONCELLO junto a una puerta verde y una ventana con reja de hierro en fachada de sillares.
Arquivo · Foto: Álvaro García Torres · Plaza de la Constitución

O goberno local de Betanzos presentou o Plan de Acción Local da Axenda Urbana, que levará a pleno o vindeiro martes. Segundo o Concello, é o documento estratéxico que definirá o modelo de cidade para os vindeiros anos. O plan, con horizonte 2030, vai acompañado dun Diagnóstico e dun Marco Estratéxico, e ordena baixo unha mesma visión de conxunto as políticas municipais de urbanismo, mobilidade, vivenda, medio ambiente, economía local, inclusión social e innovación dixital.

A alcaldesa, María Barral, explicou que «Axenda Urbana é o documento no que Betanzos decide que cidade quere ser dentro de cinco anos e como vai chegar a ela. Non é un papel máis: é unha folla de ruta que nos permite ordenar prioridades, traballar de maneira coordinada e estar en mellores condicións para captar fondos europeos, estatais e autonómicos para os proxectos que a nosa veciñanza necesita».

Dez obxectivos

O plan adapta á realidade local os dez obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana Española, aliñados coa Axenda 2030 das Nacións Unidas e coa Axenda Urbana da Unión Europea:

  • Ordenar o territorio e facer un uso racional do solo, conservalo e protexelo.
  • Evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente.
  • Previr e reducir os impactos do cambio climático e mellorar a resiliencia.
  • Facer unha xestión sostible dos recursos e favorecer a economía circular.
  • Favorecer a proximidade e a mobilidade sostible.
  • Fomentar a cohesión social e buscar a equidade.
  • Impulsar e favorecer a economía urbana.
  • Garantir o acceso á vivenda.
  • Liderar e fomentar a innovación dixital.
  • Mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza.

O diagnóstico

O documento parte dun diagnóstico que identifica como desafíos do concello o avellentamento da poboación e do parque edificado, a vivenda baleira, a desigualdade entre o núcleo urbano e o rural, a vulnerabilidade ante inundacións e episodios climáticos extremos e a fenda dixital. Como fortalezas sinala o patrimonio histórico, a contorna dos ríos Mendo e Mandeo, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, a compacidade da vila e a posición estratéxica do polígono de Piadela.

Liñas e proxectos

Entre as liñas e proxectos que recolle o plan, o Concello destaca estes:

  • Territorio e patrimonio: a aprobación definitiva do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, cunha redución do solo urbanizable respecto das Normas Subsidiarias de 1996, o Anel Verde e Azul que conectará a vila coa ría, o río Mandeo e as parroquias rurais, e a rehabilitación da contorna do Pasatempo.
  • Rexeneración urbana: áreas de rehabilitación integral no casco histórico e a transformación do Mercado Municipal nun espazo multifuncional que combine actividade comercial, cultura e encontro social.
  • Transición enerxética e clima: unha planta solar municipal no Carregal para autoconsumo, composteiros comunitarios en barrios urbanos e parroquias rurais, unha oficina municipal de enerxía e circularidade, sistemas de drenaxe sostible en zonas vulnerables a inundacións e unha rede de refuxios climáticos.
  • Mobilidade: sendas peonís e ciclistas, camiños escolares seguros e o desenvolvemento do Plan de Mobilidade Urbana Sostible.
  • Vivenda: mobilización da vivenda baleira cara ao alugueiro asequible, con convenios con persoas propietarias e garantías públicas, e reforzo do parque público de vivenda.
  • Economía local: viveiros de empresas e coworking, dixitalización do comercio de proximidade, melloras no polígono de Piadela e rutas turísticas apoiadas en novas tecnoloxías.
  • Cohesión social: reforzo da atención domiciliaria, espazos de encontro para combater a soidade non desexada e unha bolsa municipal de emprego.
  • Administración e participación: modernización da administración electrónica, formación para reducir a fenda dixital, orzamentos participativos e un plan integral de comunicación.

Mesas de traballo

Para que o plan se execute e se avalíe de forma continua, a proposta que irá ao pleno inclúe a creación de dez mesas de traballo sectoriais, unha por cada obxectivo estratéxico. Estarán presididas polo concelleiro ou concelleira da área e integradas por persoal técnico municipal, representantes dos grupos políticos e das asociacións veciñais, profesionais, empresariais e sociais.

«Queremos que a Axenda Urbana sexa un documento vivo, que se constrúa e se revise co conxunto da veciñanza. Por iso propoñemos estas mesas, para que as asociacións, o comercio, o tecido social e todos os grupos municipais teñan voz na execución e no seguimento do plan», engadiu Barral.

Información pública

Se o pleno dá o seu visto e prace, o plan someterase a información pública durante vinte días hábiles mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no taboleiro de edictos do Concello. Toda a documentación estará tamén dispoñible na web municipal e na sede electrónica, e calquera persoa física ou xurídica poderá examinala e presentar alegacións ou suxestións. Ademais, o Concello solicitará a opinión das principais asociacións veciñais, profesionais, sindicais e sectoriais.

«Convido a toda a cidadanía a ler o plan e a facer as súas achegas. Betanzos ten un patrimonio, unha paisaxe e unha xente extraordinarios, e esta Axenda debe axudarnos a protexelos e a darlles futuro», concluíu a alcaldesa.

Segundo o Concello, o plan configúrase como un instrumento estratéxico e flexible, que se irá actualizando en función dos indicadores de seguimento e das posibilidades de financiamento de cada proxecto. A nota non detalla o custo nin o calendario das actuacións.

Información elaborada a partir dunha nota de prensa do gabinete de comunicación do Concello de Betanzos.

Compartir esta noticia

Segue lendo

Comentarios

Aínda non hai comentarios. O primeiro pode ser o teu.

Deixa o teu comentario

Non se publica. Só serve para confirmar que o comentario é teu.

Antes de publicarse: confirmas o correo cunha ligazón que che mandamos (mira tamén no spam), e despois lerao unha persoa da redacción.